Novas

  • O SLG esixe solucións para a fauna salvaxe por terse convertido nun problema de orde social que ameaza a economía e a integridade das xentes do rural

    O SLG esixe solucións para a fauna salvaxe por terse convertido nun problema de orde social que ameaza a economía e a integridade das xentes do rural

    • 13,Xuñ 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Adolfo Cabarcos relatou con exemplos como as especies salvaxes que proliferan polo rural galego xa supoñen algo máis que un enorme problema de danos económicos que sofren a práctica totalidade das explotacións galegas. Laradas de até quince xabarís que se achegan aos silos das explotacións para comer o millo ensilado, porcos bravos que acceden mesmo ás autoestradas e provocan accidentes de tráfico, ou fatos de lobos que se pasean a carón das casas, comezan a ser estampas habituais do medio rural galego. Cabarcos tamén puxo outros exemplos dos que non se fala tanto, como os ataques de veados e corzos que desfán plantacións forestais enteiras, ou os dos corvos, especialmente nocivos ao destruír plantacións de millo e de horta ao arrincar os grans que se plantan na terra. Todos estes exemplos son unha clara mostra do forte desequilibrio existente en determinadas especies animais salvaxes da Galiza e de como están a pór en xaque a viabilidade de moitas explotacións agrarias e gandeiras.

    Carme Freire denunciou o absoluto desleixo da Xunta, que mantén un sistema de axudas para paliar os danos da fauna salvaxe deseñado para que a xente non os denuncie. Isto acontece por mor da enorme carga burocrática que supón iniciar un proceso de denuncia, e polo irrisorias que son as axudas, supoñendo que se cheguen a cobrar. Neste senso, Adolfo Cabarcos recordou que aínda hai axudas solicitadas no ano 2009 que non se cobraron, cousa que acontece coa totalidade das solicitadas no 2010.

    Freire reclamou que a Xunta considere o da fauna salvaxe como un problema de orde xeral que afecta a toda a cidadanía e que non para de medrar. Mais, pola contra, as actuacións da Xunta van en sentido contrario, cun sistema de compensacións manifestamente insuficiente e inútil; e con accións de goberno como permitir a violación flagrante da lei ao non impedir a forestación de terras agrarias que se está a facer de maneira xeneralizada en todo o país, usurpando a base territorial das explotacións e aumentando o hábitat das especies salvaxes até traelo á porta das casas. Ademais, os territorios cinexeticamente ordenados (Tecores), nos que hoxe recae parte da responsabilidade á hora de indemnizar polos danos causados pola fauna salvaxe, estanse a amosar totalmente impotentes á hora de manter controlada a poboación destas especies.

    Ataque xabaril