Novas

  • O SLG esixe de Medio Rural apoio ás explotacións arrasadas pola sarabia en Xunqueira de Ambia e Vilar de Barrio

    O SLG esixe de Medio Rural apoio ás explotacións arrasadas pola sarabia en Xunqueira de Ambia e Vilar de Barrio

    • 08,Xul 2017
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Dende o Sindicato Labrego Galego, solidarizámonos cos labregos e coas labregas afectadas e esiximos da Consellaría de Medio Rural que non siga coa actitude de mirar cara a outro lado diante de sucesos catastróficos que afectan de cheo á agricultura coma este; ou como as xeadas e sarabias que arrasaron viñedos e soutos en zonas como o Ribeiro, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Non se trata dunha demanda indefinida, senón que hai unha serie de tarefas que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez debería executar con carácter de urxencia que xa foron demandadas hai un mes no sector do viño e que son perfectamente aplicables no caso de Xunqueira e Vilar de Barrio:

    • Facer unha avaliación e cuantificación precisa dos danos provocados pola sarabia nos cultivos agrarios e gandeiros; e informar de maneira aberta e transparente ao respecto.

    • Determinar que porcentaxe de cultivos arrasados non están cubertos por seguros agrarios e crear unha liña de axudas directas para garantir a liquidez das persoas afectadas e compensar as perdas.

    • Liña de créditos sen custes de tramitación e con xuros cero para garantir a liquidez das explotacións afectadas, e negociación de moratorias nos créditos xa subscritos con entidades bancarias.

    • Se fose necesario, condonación das cotas á Seguridade Social, como mínimo durante seis meses, e rebaixas no IRPF para os labregos e labregas afectadas.

    Máis a medio prazo, episodios coma este que, por desgraza, constitúen un suma e segue na actual campaña agrícola na Galiza, deberían obrigar á Consellaría de Medio Rural a renegociar coas compañías aseguradoras das liñas de seguros agrarios para que exista unha oferta de pólizas adaptadas ás necesidades reais das nosas producións e para que, nun futuro, os nosos labregos e as nosas labregas teñan as coberturas necesarias para afrontar adversidades como a acontecida onte en Xunqueira e Vilar de Barrio.

    Patacas e sarabia