A alternativa existe: é a soberanía alimentaria, pola que cada país ten dereito a definir as súas políticas agrarias e alimentarias. Todo o que se necesita é a vontade política para pola en práctica.
A Vía Campesina, canda varias decenas de diferentes movementos sociais, reclamaron esta mañá no inicio da Conferencia de Alto Nivel sobre a Seguridade Alimentaria en Madrid, unha profunda reestruturación do sistema alimentario mundial.
Asemade, mostraron o seu descontento porque a Conferencia exclúe aos/ás principais interesad@s no debate sobre a crise alimentaria impedíndolles ter unha participación significativa.
É un verdadeiro escándalo que este foro estea dominado polo Banco Mundial, o FMI e a OMC, así como polas empresas transnacionais como a polémica Monsanto, ás que se lles dá voz nos espazos de debate, namentres que @s representantes dos pequen@s agricultores/as – que producen o 80% dos alimentos a nivel mundial – fican con só uns minutos para achegar os seus posicionamentos.
Durante os últimos trinta anos, a política agrícola internacional foi dominada polas políticas destas institucións internacionais e, a pesares das súas promesas de reducir á metade o número de persoas que morren de fame no mundo para o ano 2015 a través dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, este vergoñento drama seguíu a aumentar en todo o mundo, alcanzando máis de mil millóns de persoas este ano.
As políticas destas institucións e empresas transnacionais fracasaron completamente.
Os/as pequen@s agricultores/as e os movementos sociais de todo o mundo promovemos un modelo baseado na soberanía alimentaria e orientado aos/ás labreg@s, coa agricultura de pequen@s e median@s produtores/as e a pesca artesanal como eixo fundamental, dando prioridade aos mercados locais e métodos de produción sustentábeis, un modelo baseado no dereito á alimentación e os dereitos dos pobos a definir as súas propias políticas agrícolas.
A crise alimentaria non é unha oportunidade para gañar máis diñeiro mediante a venda de fertilizantes, agroquímicos e sementes modificadas xeneticamente. Non se pode permitir que as grandes multinacionais traten de sacar proveito da desesperación de máis de mil millóns de persoas.
A agroindustria e os organismos financeiros internacionais non poden ser os que lideren as respostas á crise alimentaria, carece de toda lóxica confiar a solución do problema a quenes o causaron.
Dende o SLG, coma integrantes da Vía Campesina, esiximos que se poña fin ao desenvolvemento de novas iniciativas como o Grupo Operativo de Alto Nivel ou Alianza Mundial.
Propostas similares, como o Consello Mundial da Alimentación e a Alianza Internacional contra a fame, fracasaron.
Facemos un chamamento para un único espazo no interior da ONU para facer fronte á crise alimentaria coa participación plena dos movementos sociais e @s pequen@s produtoras/es de alimentos.
*Achegamos a declaración conxunta das organizacións presentes hoxe en Madrid.
Moitas grazas pela vosa atención.
Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego
|
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON Lídia Senra, Secretaria de Organización do SLG e membra do Comité de Coordenación da Coordenadora Europea Vía Campesina TLF: 609 845 861 Isabel Vilalba, Secretaria de Servizos ao Rural e Soberanía Alimentar TLF: 608 905 444 |