Novas

  • O SLG esixe  a posta en marcha de   mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando

    O SLG esixe a posta en marcha de mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando

    • 21,Abr 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Non nos atopamos xa perante da permisividade cos cultivos experimentais na Galiza, senón que mediante a publicación da Orden ARM/958/2009, de 2 de abril, estase a outorgar o consentimento para a súa comercialización, permitindo polo tanto a sementeira de campos transxénicos no noso País.

    Dende o Sindicato Labrego Galego, condenamos esta escandalosa supeditación lexislativa aos intereses económicos das multinacionais da alimentación. A introdución do Oxm´s na agricultura responde aos intereses dunhas poucas multinacionais da biotecnoloxía que intentar forzar a entrada destes alimentos a pesares do rexeitamento da maioría do sector labrego e consumidor, como se demostrou o pasado sábado na multitudinaria manifestación que tivo lugar en Zaragoza.

    O SLG reitera novamente a esixencia da posta en marcha de mecanismos que faciliten o acceso a variedades de millo non transxénicas para a alimentación humana e do gando.

    Na súa primeira década de utilización os cultivos transxénicos non aportaron beneficios para os labregos e labregas, senón que ao analizarmos a situación atopámonos con contaminación de producións, resistencia de malas herbas e superpragas, perda de contratos, aumento de agrotóxicos, dependencia das agroindustrias, expulsión dos pequenos e pequenas labregas dos ciclos produtivos…

    A posibilidade dunha contaminación irreversíbel do subministro de sementes é tan grave que esixe que o Principio de Precaución polo que se rexen as políticas europeas se aplique neste caso rigorosamente.

    Como labregas e labregos somos parte activa nesta loita e debemos defender o noso dereito como pobo a Soberanía Alimentaria, o dereito a decidir sobre as nosas políticas agrarias, e facer efectivo o dereito a producir alimentos sans e de calidade.

    Os transxénicos poñen en perigo a nosa cultura e saberes tradicionais cuestionando directamente o noso futuro como labregas e labregos. Isto non é unha libre elección coma nos queren facer ver dende as multinacionais e certos gobernos permisivos, incluído o español e o galego, é unha imposición ao sector produtor de alimentos e, consecuentemente, aos consumidores e consumidoras.

    A este respeito, reiteramos a denuncia de que a meirande parte da alimentación para o gando é xa na actualidade transxénica, contando con graves dificultades aqueles labregos e labregas que queren acceder a alimentación para o gando libre OXM´s.

    A aprobación da sementeira e comercialización de millo transxénico decidida polo MARM constitúe un duro ataque contra a nosa biodiversidade, así como das expectativas para a consecución da soberanía alimentaria para Galiza.

    Dende o SLG sentímonos verdadeiramente atacadas e atacados coma labregas e labregos perante destas novas autorizacións para a sementeira e comercialización de transxénicos no Estado.

     

     

     

     

    OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

    Charo Sánchez Parga, Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes no SLG

    TLF: 669 651 700