Logo da fracaso da convocatoria 2024, con case 500 granxas fóra das axudas cumprindo requisitos, a CMR está desaparecida. Cómpre garantir a produción de alimentos na Galiza: un 70% do sector xubilarase nos vindeiros anos e incorporarase só un 5%
Xa pasaron tres meses dende que o sector primario se mobilizou en Lugo convocado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) para denunciar a denegación masiva de planes de mellora -que afectou a case 500 granxas que xa comprometeran inversións económicas- e demandar unha convocatoria inmediata para o ano 2025 xusta, social, plural e con fondos suficientes.
A día de hoxe, atopámonos con que a Consellaría do Medio Rural non só non se pronunciou ao respecto desta situación, senón que nin tan sequera abriu as axudas para novas incorporacións e plans de mellora que, atendendo ás convocatorias anteriores, tiña que ter realizado xa no mes de xaneiro.
“Estamos practicamente no mes de xuño e inda non saíron as axudas para incorporacións. É moi tarde e, loxicamente, a preocupación no sector é xa considerable. Vai ser un ano perdido? Cando convoquen van dar resolto antes de decembro? Que vai pasar co compromiso de priorizar as solicitudes denegadas o ano pasado?”, cuestiona Brais Álvarez, apicultor integrante da Executiva Nacional do SLG e responsábel da Secretaría da Mocidade. “Neste momento todo son rumores. Non hai datas. Non hai resposta a que vai acontecer coas persoas ás que se lles denegaron as axudas de mellora o ano pasado. Este desleixo por parte da Consellaría compromete a viabilidade das granxas en cuestións esenciais, como o desenvolvemento de proxectos de obra e solicitudes de licenza asociados ou a adquisición de maquinaria. Xa o solicitamos na mobilización do mes de febreiro, e seguimos insistindo: cómpre a creación dun comité específico de seguimento destes plans con participación directa das labregas e labregos. Esta opacidade por parte da administración pública non pode continuar”.
Tendo en conta que Galiza é o territorio do Estado español con menos superficie agraria útil, debería ser obxectivo prioritario da Consellaría impulsar a actividade agraria, tanto executando correctamente o procedemento de tramitación de axudas como con outro tipo de medias, por exemplo establecendo fórmulas para poder incrementar a porcentaxe de terra dispoñíbel. Ademais, no noso país o 70% por cento dos titulares xubilaranse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5%.
“Solicitamos á Consellaría que convoque inmediatamente ás organizacións agrarias e órganos pertinentes para abordar esta situación. Queremos saber tamén se nesta ocasión teñen avaliado cal é o importe preciso para abarcar as necesidades das granxas galegas. É moi importante non deixar atrás a ningunha persoa que queira incorporarse a unha actividade profesional absolutamente esencial como é a produción de alimentos. Precisamos unha convocatoria real, con medios suficientes. E, loxicamente, convocada nuns tempos que permitan a súa tramitación e resolución nos prazos que corresponden. Cada vez que a Xunta de Galicia desenvolve de xeito deficiente estes procedementos, nos que, cabe lembrar, un 60% provén de fondos europeos, quen pagan as consecuencias son as granxas. Tanto con perdas económicas como coa propia saúde das labregas e labregos, que ante a falta de garantías políticas para o establecemento de prezos xustos polos nosos produtos dependemos deste tipo de apoios para poder seguir facendo o noso traballo”, subliña Álvarez.
Sen embargo, a realidade neste momento é que no 2024 a Consellaría gastou nos plans de mellora 25 millóns de euros que foron parar a 180 granxas, quedando para o resto do período 42 millóns de euros. Se botamos contas, o orzamento que fixo a CMR para os anos 2024-2027 case non cubriría para conceder a axuda ás 434 granxas que quedaron fóra este ano malia cumprir os requisitos. E nada se sabe da Consellaría.