As xornadas de avicultura sustentábel comezarán o 20 de xaneiro, e durarán tres meses, con xornadas que se desenvolverán os sábados, cada quince días. O horario será de once da mañá a seis da tarde, e inclúe un xantar a cargo do curso. Como lugar de celebración escolleuse o restaurante Europa, na localidade de Chapa.
En canto ao contido do curso, nel estudaranse as diferenzas entre a avicultura intensiva e extensiva e, respecto desta última, os diferentes modelos de produción que existen na actualidade; a produción avícola en base á terra e as razas autóctonas máis idóneas para ela, como a galiña Piñeira ou a de Mos; as particularidades sanitarias da avicultura extensiva; a comercialización; a certificación; as axudas existentes, etcétera.
A xente interesada pódese anotar en calquera oficina do Sindicato Labrego Galego, ata unha semana antes do inicio do curso. Para iso, terán que achegar fotocopias do documento de identidade, da tarxeta sanitaria, e do último cupón da Agraria ou nómina en caso de estar cotizando por conta allea.