Carme Freire tivo que denunciar, unha vez máis, “a permisividade da Xunta á hora de permitir que se viole a lei e se foresten terras agrarias”. A secretaria xeral do SLG explicou que estas infraccións están a ter dúas consecuencias gravísimas:
En primeiro lugar, o incremento exponencial do risco de incendios, algo que nas últimas semanas se fixo máis que evidente. As plantacións ilegais de eucaliptos e piñeiros fóra do monte, que é o espazo que lles está reservado, do mesmo xeito que o incumprimento das distancias de plantación, provocan que toda Galiza sexa un pasto ideal para o lume por mor dun efecto damero que favorece que as lapas se estendan dende os montes até as leiras e os núcleos rurais.
“Os piñeiros, eucaliptos e demais plantacións forestais, de facerse, deberían estar no monte e non nas veigas, que é o lugar que lle corresponde ás praderías e aos cultivos”, proseguiu Carme Freire. “Para nós este é un despropósito absoluto do que teñen toda a responsabilidade a Xunta e os concellos por non facer cumprir a Lei de Prevención de Incendios Forestais, que prohibe expresamente plantar árbores en terras agrarias ou a menos de cincuenta metros das vivendas e núcleos habitados”.
Para o Sindicato Labrego Galego, a pasividade da Xunta á hora de perseguir o delicto de forestar terras agrarias ou daqueles plantíos que non respectan as distancias esixidas pola lei responde a unha estratexia de beneficiar ás industrias que necesitan terra para producir pasta de celulosa ou agromasa destinada a enerxía eléctrica, xa que o abandono da actividade agraria e a complicidade das autoridades competentes permiten que se fagan coa terra que necesitan a prezo de saldo.
Aproveitando a acción de denuncia levada a cabo en Castroverde, a secretaria xeral do SLG esixiu “que a Consellaría de Medio Rural actúe e faga cumprir a lei, tanto en resposta ás máis de duascentas denuncias presentadas polo Sindicato Labrego Galego en toda Galiza; como perseguindo calquera infracción que se cometa á hora de forestar, sexa denunciada ou non”.
A acción de denuncia levada a cabo hoxe en Castroverde contra a forestación ilegal de terras agrarias súmase ás xa feitas en Santa María de Vigo (Cambre, A Coruña), o pasado 26 de maio; no concello do Pino (A Coruña), o 19 de setembro; e en Becerreá, o 6 de outubro.

[1] O artigo 25 B da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 3/2007 prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”