Cómpre lembrar que nos atopamos na época de máxima produción en sectores como o hortícola ou o froiteiro e, polo tanto, na que hai máis vendas duns produtos que, ao ser perecedoiros, non poden agardar para ser comercializados.
Para o Sindicato Labrego Galego, a prohibición do mercado de Melide non obedece nin a criterios científicos nin sanitarios. Queremos insistir en que existe un protocolo oficial da Consellaría de Medio Rural para a celebración de mercados ao aire libre con totais garantías para evitar os contaxios que xa se aprobou para ser usado en plena fase de confinamento; outra cuestión é que o Concello de Melide non queira poñer os medios humanos e materiais para activar este protocolo e así garantir a continuidade dunha actividade económica esencial para moitas familias do medio rural.
Ademais, tamén insistimos en que os mercados de alimentos ao aire libre ofrecen maiores garantías sanitarias que a venda en locais pechados, polo que non entendemos que, se pechan a feira de alimentos, non pechen de igual modo os supermercados. Ambos garanten o acceso a un ben esencial como os alimentos, polo que entendemos que o único motivo que anima ao Concello de Melide a pechar o seu mercado alimentario ao aire libre debe ser que é máis doado abusar de labregos e labregas que de grandes empresas.
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos criticar tamén o baleiro informativo que existe en Melide con respecto á incidencia da Covid-19. Poden explicarnos que informes sanitarios ou científicos aconsellan o peche do mercado de alimentos labregos, precisamente, e non as terrazas dos bares, por exemplo? Está demostrada a influencia deste mercado no aumento de contaxios por coronavirus no concello? Se o fan por prevención, por que non se actúa tamén noutras actividades económicas que causan maiores concentracións de persoas? A desinformación por parte do Concello de Melide é tal que os labregos e labregas que venden no mercado semanal viven nunha absoluta incerteza, sen saber cando poderán regresar aos seus postos de venda, sen saber que facer con parte da súa produción agraria e descoñecendo se chegarán a fin de mes con suficientes ingresos. Mesmo agora, tras dúas semanas coa venda ambulante prohibida, tiveron que agardar até este venres, 4 de setembro, para saber que tampouco poderán vender o domingo, 6 de setembro. Até cando terán que seguir así? Máis alá do eido agrícola, o pobo de Melide ten dereito de estar informado con total transparencia de como se está a desenvolver a expansión da Covid-19 no municipio, máxime cando estamos a poucos días de comezar o curso escolar nunha vila que ten escolarizados máis dun milleiro de rapaces e rapazas.
Dende o SLG non podemos máis que expresar a nosa máis absoluta indignación diante da decisión do Concello de Melide de prorrogar o peche do mercado de alimentos labregos sen xustificación e sen informes que avalen a súa decisión. Tratase dun desprezo absoluto cara ao rural e cara ás familias labregas damnificadas. Por ese motivo, acabamos de poñer o tema en mans do noso gabinete xurídico presentar por vía xudicial unha denuncia contra o Concello de Melide de cara a determinar os danos e prexuízos causados aos labregos e labregas que venden no mercado dos domingos e as eventuais indemnizacións a realizar para compensarlles as perdas económicas ocasionadas.