É un escándalo que a Consellaría adopte medidas de fumigacións ao aire libre con sustancias que se atopan en moratoria e que van desaparecer do mercado polos efectos nocivos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente.
Isto refórzanos, ao Sindicato Labrego Galego, na nosa convicción de que os intereses dos grupos agrotóxicos seguen a estar por enriba da protección da cidadanía e o medio ambiente , facéndose patente mediante actuacións como as que está a realizar a CMR a intención de rentabilizar os excedentes destes compostos agrotóxicos antes de que a UE os prohiba no ano 2011.
Dende o SLG, entendemos que é imprescindíbel o control de dita praga, xa que temos moita madeira amoreada e resulta prioritario preservar as nosas arbores autóctonas e revalorizalas. Mais entendemos que a día de hoxe existen técnicas menos agresivas para poder facelo, como é a loita biolóxica no seo dun control integrado, do que vimos tendo constancia dende os anos 90. Ó mesmo tempo, facendo control biolóxico da especie poderíase actuar nos estados máis receptivos, antes que os adultos fixesen a posta de ovos.
Aínda no caso do control químico, o elexido pola CMR contra a pulguilla do carballo, hai estudos que confirman que as primeiras larvas comezan a súa andadura a finais de abril, sendo esta a época máis axeitada para o tratamento, polo que cabe a posibilidade que a fumigación que se está a facer nestes momentos, en pleno mes de xullo, non signifique en absoluto rematar coa pulguilla.
Dende o SLG cuestionámonos quen se vai facer cargo das perdas que poidan sufrir as persoas destes concellos, nomeadamente as labregas e labregos, en grave risco de atoparse con problemas de intoxicación ou contaminación.
Vai a Consellaría de Medio Rural a facerse cargo das posíbeis contaminacións e, coma especifica o propio Decreto, estes tratamentos non lles van repercutir economicamente ós interesados? Quen se vai responsabilizar dos efectos a posteriori?
Ou non é de interese os efectos e consecuencias das contaminacións que van sufrir os acuíferos, as mortes dos apiarios destas zonas, o gando que pace nas veigas ou as repercusións negativas por contaminación das que adoecerá unha explotación ecolóxica ubicada nestas áreas cando lle atopen residuos nos seus cultivos?
É este o xeito de preservar e manter o noso medio? Sabe a CMR como afectan estes tratamentos ó resto da nosa fauna e flora?
Parécenos unha falla de responsabilidade absoluta, e esiximos que a CMR e os concellos afectados trasladen á cidadanía o protocolo a seguir nestes casos, así como cales son as medidas desenvoltas cara unha adecuada protección e información, xa que como a propia Consellaría transmitiu: o produto vaise aplicar mediante canóns que poden chegar a pulverizar ata os 200 metros de distancia.
Outra vez caen na desidia interesada de supor que os e as habitantes do medio rural se atopan en igualdade de condicións (infraestruturas, novas tecnoloxías, transporte…) que os das cidades, e que toda persoa pode e sabe consultar na internet os avisos e recomendacións que a Administración ten a obriga de difundir, tales como a de non pasear a partires das nove da noite.
É este o protocolo de seguridade da CMR? Entenden a Consellaría e os concellos que mediante avisos nas paxinas web e bandos, notificando que haberá fumigacións mais sen sinalar a necesidade de tomar ningunha medida especifica de control, acádase unha seguridade e suficiente para a cidadanía e cultivos próximos as estas fumigacións?
O Sindicato Labrego Galego reitera a esixencia á Administración e ás entidades locais de que cumpran coas normativas establecidas ao efecto.