Novas

  • O SLG denuncia en Forcarei atrasos de máis de tres días na retirada de cadáveres animais das explotacións

    O SLG denuncia en Forcarei atrasos de máis de tres días na retirada de cadáveres animais das explotacións

    • 24,Out 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Este caso é un de tantos que están a acontecer na Galiza dende que a Consellaría de Medio Rural privatizou o servizo de recollida de cadáveres animais. É un caso máis de privatización dun servizo ao medio rural ou ás explotacións agrogandeiras que deriva en serias deficiencias de xestión que non se darían en caso de ser este un servizo público que contase cos recursos da Administración para poder ofrecerse cun mínimo de calidade. No caso da recollida de animais mortos nas explotacións, é obrigatorio que sexan retirados unicamente pola empresa que ten a concesión do servizo, e finánciase cun seguro que teñen que ter subscrito os gandeiros e as gandeiras. É dicir, a privatización obriga a pagar por un servizo que non reúne os mínimos de calidade esixidos.

    O Sindicato Labrego Galego ten denunciado esta situación varias veces diante da Consellaría de Medio Rural. Mesmo ten esixido o estudio de alternativas á retirada obrigatoria e privatizada dos cadáveres animais das explotacións; a última vez que o fixo foi na permanente do Consello Agrario Galego, o pasado 7 de outubro. Estas alternativas pedidas polo Sindicato Labrego obedecen ao grande aumento dos ataques da fauna salvaxe -sobre todo de lobos- que se experimentou dende que se retiran os animais das explotacións para incineralos. Isto débese a que, coa incineración dos cadáveres de reses mortas, se quitou da cadea trófica unha fonte importante na alimentación da fauna salvaxe, que cada vez baixa máis aos núcleos habitados para buscar o seu sustento, co grave risco de seguridade das persoas e abondosas perdas económicas que isto provoca.

    Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego Galego insistimos na necesidade de parar xa o proceso de privatización de servizos ao medio rural e ás explotacións por parte da Xunta de Galicia, de cara a garantir a calidade dos mesmos; amais de buscar novas alternativas á incineración dos animais que morren nas explotacións. 

    Vaca morta en Forcarei

     

     

    undefined