Novas

  • O SLG denuncia demoras de varios días na recollida de cadáveres animais nas granxas de Ourense

    O SLG denuncia demoras de varios días na recollida de cadáveres animais nas granxas de Ourense

    • 15,Mar 2018
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Comeza a ser habitual que, unha vez notificada a morte do animal, a recollida chegue a atrasarse varios días, sobre todo se a morte se produce en fin de semana. Sen ir máis lonxe, o pasado venres 9 de marzo, un afiliado do Sindicato Labrego Galego chamou a primeira hora da mañá para notificar a morte dunha vaca na súa granxa de Teixeira (Maceda). O luns 12 de marzo tivo que chamar de novo, habida conta de que o cadáver seguía na granxa, co evidente perigo como foco de infeccións que supuña. Ao final, Gesuga retirou a vaca a última hora da mañá dese luns, transcorrendo máis de 72 horas dende a primeira notificación.

    Para o Sindicato Labrego Galego, estas demoras na recollida de cadáveres animais son inxustificables, e non serve a escusa da fin de semana porque en cuestións sanitarias e de saúde pública os servizos deben estar activos os 365 días do ano. Ademais, as granxas están obrigadas a pagar relixiosamente o seguro de recollida, que ten un custe duns 6’50 € por animal nas granxas de vacún de carne que se incrementa ano tras ano. Por iso, dende o SLG pedimos á Consellaría de Medio Rural que lle dea un toque de atención a Gesuga para que este tipo de demoras non se volvan producir e, en caso de que a empresa se declare incompetente para cubrir o servizo de recollida de cadáveres animais, se lle conceda a outra empresa ou, directamente, pase a ser de xestión pública.