Novas

  • O SLG denuncia baixadas de prezo nos novos contratos lácteos na Galiza de industrias como Lactalis ou Reny Picot

    O SLG denuncia baixadas de prezo nos novos contratos lácteos na Galiza de industrias como Lactalis ou Reny Picot

    • 27,Feb 2021
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Trátase dun feito de extrema gravidade habida conta que esta industria francesa é a principal compradora de leite na Galiza, recollendo máis de 500 millóns de litros de leite por ano a unhas 1.500 explotacións da nosa terra.

    No caso de Reny Picot, a depreciación está a ser de medio céntimo, que se pode incrementar dependendo do punto crioscópico do leite, co cal se estarían a penalizar as granxas que teñen as vacas en réxime de pastoreo e, polo tanto, as máis sostibles e respectuosas co entorno.

    Esta baixada prodúcese nun difícil contexto para as nosas granxas, no que o prezo dos cereais e, polo tanto, da alimentación animal, se incrementou notablemente nos últimos meses e a nivel internacional, factor que debería repercutir nun aumento do valor do leite en orixe como compensación. Neste senso, resulta indignante que, esta mesma semana, a multinacional distribuidora Lidl veña de anunciar un acordo con Lactalis para subir o prezo do leite, de maneira que o incremento repercuta positivamente nas explotacións francesas, que si poderán compensar o aumento dos seus custes de produción, e que se estean a negociar subas con outras distribuidoras; ao tempo que na Galiza seguen forzando os prezos á baixa.

    Para o Sindicato Labrego Galego, Lactalis e outras industrias lácteas poden seguir baixando os prezos a pracer amparadas pola inacción da administración. Á Consellaría de Medio Rural xa non se lle agarda nesta problemática, habida conta que desmantelou a mesa do leite na que os axentes do sector podiamos debater e negociar para tentar chegar a acordos sobre os prezos. Á única esperanza ao respecto tiñámola na Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que se cubran os custes de produción no valor en orixe das producións agrogandeiras, pero o Ministerio de Agricultura segue sen publicar uns índices de referencia de prezos e custes para o sector lácteo, tal e como se comprometera, favorecendo un baleiro legal no que as industrias seguen a impoñer as súas condicións draconianas no mercado lácteo.