Isabel Vilalba, Secretaria de Servizos Públicos ao Rural, na rolda
de prensa desta mañá en Santiago de Compostela,
Dende xaneiro do 1998 as persoas que cotizamos na Seguridade Social Agraria ou como Autónomas estamos obrigadas a contratar as prestacións de incapacidade con mutuas aseguradoras privadas.
Por parte dunha destas aseguradoras, a Mutua Galega, estáselle pedindo ás persoas que solicitan a prestación de incapacidade que enchan unha autorización* para que poda recabar todo o seu historial clínico podendo derivalo a facultativos externos para que se “estuden, traten e valoren” estes datos, abrindo tamén a posibilidade de que a propia Mutua acceda asemade a datos externos.
Consideramos que a consulta de histoirais médicos externos, diante dun caso concreto, poden ser necesarios para a Mutua, mais sempre limitándose a unha enfermidade ou accidente determinado e, por suposto, especificando que ese intercambio de información vaise realizar con un obxectivo identificado.
Mais nestes casos que vimos de denunciar, nesta autorización non se indica claramente para que fin son recadados estes datos, e é este un feito que nos preocupa, xa que se miramos cara outros países, ou mesmo en casos que xa se teñen dado no Estado español, observamos que cada vez é máis habitual a venda e intercambio de bases de datos, o que en ocasións ubica nunha situación de superioridade ás empresas (por exemplo diante dunha contratación laboral, na que a información obtida dun expediente médico pode condicionar a elección da empresa), ou que mesmo poden supoñer argumentos a empregar no ámbito da xustiza, diante por exemplo dun caso de solicitude de custodia dos fillos/as (alegando unha das partes que a outra ten antecedentes, propios ou na familia, de certas patoloxías).
Noutra orde de abusos no tratamento de información privada, é coñecido tamén o crecente emprego que se fai das bases de datos persoais para a xestión de publicidade, axeitando os contidos ao perfil de consumidor/a coñecido en base a esta información.
A Secretaria de Servizos Públicos ao Rural, Isabel Vilalba, fixo tamén fincapé no xeito en que estas mutuas esfórzanse por cubrirse as costas, indicando na autorización que se trata dunha concesión realizada “libre e voluntariamente”, pero incluíndo este formulario entre a documentación indicada coma necesaria para solicitar a prestación, confundindo e desvirtuando a indicación da libre elección, condicionando en certa maneira a asinar esta autorización.
Dende o SLG estase estudando a lexislación de protección de datos para determinar en que maneira podemos levar esta denuncia adiante. Cónstanos a existencia dun informe do 2005 dunha consulta feita pola aseguradora MUFACE á Axencia de Protección de datos no que esta concluía claramente que os datos do historial clínico non podían ser tratados con fins que non foran única e exclusivamente vinculados á cobertura médica contratada polo usuari/a.
Lembramos que os datos médicos das persoas atópanse na lexislación actual protexidos polo nivel 3, o máis alto en canto a protección de datos.
O feito que vimos de denunciar hoxe súmase a outros abusos realizados polas mutuas aseguradoras, como o acontecido durante o temporal que tivo lugar en xaneiro deste ano (nevadas de xaneiro), no que malia a ser de coñecemento público que se tratou duns días nos que era moi difícil e mesmo desaconsellable desprazarse, e mesmo logo de transmitir mediante burofax a imposibilidade de acudir á cita, algunhas mutuas comunicaron a suspensión das prestacións contratadas.
*Arquivopara descarregar: Declaracións Isabel Vilalba.