Dende o SLG non entendemos que se pretenda destruír este piñeiral de alto valor paisaxístico e económico, máis alá do obviamente forestal, pois, segundo di literalmente o POLG: “O aproveitamento turístico deste sistema, cunha accesibilidade relativamente boa dende as zonas máis interiores e dende núcleos como Muxía ou Camariñas, propiciou a aparición de dous cámpings, ambos situados entre a masa forestal, a media ladeira e en primeira liña de costa, un deles con acceso directo á praia”.
Cómpre dicir que, aínda que xa tentaron iniciar a corta, esta adiouse grazas á intervención da afiliación do Sindicato Labrego Galego. Porén, esa corta segue programada e, se ninguén o impide, arrasarase un piñeiral protexido de grande valor e uso para a zona afectada ao amparo dunha normativa que se está a aplicar dun xeito totalmente irracional e caótico, tal e como ilustra este caso que agora denunciamos.