A semana pasada, dende o Sindicato Labrego Galego interpelamos ao goberno vilalbés cunha instancia preguntándolle polas medidas que estaba a desenvolver de cara a reabrir os postos alimentarios nas feiras, sen que obtivésemos resposta algunha. Ademais, o anuncio da reapertura deste tipo de mercados xa foi feita oficialmente pola Consellaría de Medio Rural e é un feito en todas as provincias do Estado que acadaron a fase 1 da desescalada, polo que a corporación vilalbesa non pode aducir que descoñece as súas obrigas.
Cómpre subliñar que outros concellos da contorna, como Castro de Rei, si fixeron os deberes e reabriron a súa feira de alimentos labregos a semana pasada. Aínda sendo conscientes das restricións e estritos protocolos para a súa celebración, e de que a afluencia de xente será probablemente escasa os primeiros días, dende o SLG consideramos moi importante que estes mercados comecen a funcionar para que se vaian normalizando de novo como canle de comercialización, xa que deles depende a economía de miles de familias labregas na Galiza.
Resulta desconcertante que unha capital rural como Vilalba, cuxa economía depende totalmente da actividade agrogandeira -con dúas feiras semanais, unha mensual e o feirón- estea a demostrar esta desidia nunha cuestión tan importante como a celebración de feiras de alimentos labregos. Tamén se bota de menos que o Concello de Vilalba non tomase aínda ningunha medida de apoio ao sector primario afectado polo peche dos mercados alimentarios de proximidade, como a compra pública de alimentos para fornecer os servizos sociais municipais.