Novas

  • O SLG DENUNCIA Á CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL POLO PROCEDEMENTO DE CONTROL NA PRAGA DA PULGUILLA DO CARBALLO

    • 07,Xul 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    É un escándalo que a Consellaría adopte medidas de fumigacións ao aire libre con sustancias que se atopan en moratoria e xa foron retiradas do anexo I e que van desaparecer do mercado polos efectos nocivos que teñen sobre a saúde e o medio ambiente, Directiva 91/414/CEE e ( RD255/2003).

    Ata o de agora o SLG ten constancia de que foron realizadas fumigacións nos concellos de Sober, Pantón, Monforte de Lemos e Navia de Suarna, na provincia de Lugo segundo datos da propia consellería e confirmado polos concellos ( a praga foi declarada en areas de Lugo e Ourense). Este proceso desenvolveuse con escasa información cara as persoas afectadas e a poboación en xeral nos concellos que abrangue a Orde.

    Dende o SLG, entendemos que é imprescindíbel o control de dita Praga e resulta prioritario preservar as nosas arbores autóctonas e revalorizalas fronte a invasión de especies foráneas. Mais entendemos que a día de hoxe existen técnicas menos agresivas para poder facelo, como é a loita biolóxica no seo dun control integrado,ou o control biolóxico da especie .

    Dende o SLG cuestionámonos quen se vai facer cargo das perdas que poidan sufrir as persoas destes concellos, nomeadamente as labregas e labregos, en grave risco de atoparse con problemas de intoxicación ou contaminación e a cidadanía en xeral.

    Vai a Consellaría de Medio Rural a facerse cargo das posíbeis contaminacións e, coma especifica a propia Orde, estes tratamentos non lles van repercutir economicamente ós interesados? Quen se vai responsabilizar dos efectos a posteriori?

    Denunciamos tamén a prepotencia de dita consellería na falla de protocolos e normas establecidos o respecto, dende a falla de información ambiental, LEI 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente . Ou non é de interese para a cidadanía os efectos e consecuencias das contaminacións que van sufrir os acuíferos, a perda da biodiversidade, as mortes dos apiarios nestas zonas, o gando que pace nas veigas ou as repercusións negativas por contaminación das explotacións agrarias ubicadas nestas áreas?

    Ademais, dende o SLG entendemos que a Administración non se atopa exenta de cumprir co disposto no Decreto 133/2008, de 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental. Igualmente, nas obrigas que este Decreto impón, tendo presente a actividade de que se trata (insalubridade, nocividade, etc), nin a Lei de Protección ambiental de Galiza.

    Dende o SLG preguntámonos se este o xeito de preservar e manter o noso medio? Sabe a CMR como afectan estes tratamentos ó resto da nosa fauna e flora?

    Semella unha falla de responsabilidade absoluta, e esiximos que a CMR traslade á cidadanía o protocolo a seguir nestes casos, así como cales son as medidas desenvolvidas cara unha adecuada protección e información, xa que como a propia Consellaría transmitiu: o produto aplícase mediante canóns que poden chegar a pulverizar ata os 200 metros de distancia.

    Entende a Consellaría que mediante avisos nas paxinas web e bandos, notificando que haberá fumigacións mais sen sinalar a necesidade de tomar ningunha medida especifica de control, se acada unha seguridade e información suficiente para a cidadanía, en relación co medio ambiente ou as producións próximas a estas fumigacións?

    Outra vez caen na desidia interesada de supor que os e as habitantes do medio rural se atopan en igualdade de condicións (infraestruturas, novas tecnoloxías, transporte…) que os das cidades, e que toda persoa pode e sabe consultar na internet os avisos e recomendacións que a Administración ten a obriga de difundir.

    O Sindicato Labrego Galego reitera a esixencia á Administración e ás entidades locais de que cumpran coas normativas establecidas ao efecto ó igual que calquera cidadán do noso pais.