Así, o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga, inferindo que, polo tanto, axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade. Porén, fontes da propia Consellaría de Medio Rural consultadas polo SLG afirman que é moi improbable que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora. Tendo en conta que en 2018 seguíronse atrapando exemplares de couza guatemalteca en tódalas zonas afectadas, a prohibición de plantar vai para longo. Pero o sector produtor non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto, polo que non o sabe.
O problema é que a desinformación no sector está a ser total. A única interlocución entre os produtores e produtoras afectadas e a Consellaría de Medio Rural é unha circular de uso interno para as oficinas agrarias comarcais, cando toda a información existente sobre esta crise debería ser de acceso público e, en especial, para as explotacións agrícolas en corentena.
Por iso, dende o SLG, demandamos da Consellaría de Medio Rural a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en tódalas comarcas afectadas pola corentena da Tecia solanivora e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza guatemalteca, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc. Ademais, seguimos insistindo na necesidade de que na comisión de seguimento desta crise haxa representación do sector produtor, principal damnificado dos danos e prohibicións e principal interesado en coñecer os progresos, datos e decisións na loita contra esta praga.