Novas

  • O SLG da comarca do Condado-Pardanta presenta alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Arbo

    O SLG da comarca do Condado-Pardanta presenta alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Arbo

    • 10,Feb 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Actualmente, a maior parte deste solo é unha zona de alta producción agropecuaria. Transformala en solo industrial é contraproducente. Perderíase unha zona vitícola incluída na Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais, a Zona Industrial quedaría colindando con núcleos urbáns actualmente constituídos, cos conseguintes prexuízos de ruídos, contaminación, etc.

     

     Arbo é un dos lugares nos que afloran unhas das vides de maior notoriedade de toda Galiza. Estes caldos obteñen dende fai xa largo tempo un recoñecemento en todo o país que esixe tanto o necesario amparo como a maior das defensas. Algo do que precisamente comezan a ocuparse as administracións públicas.

     

     Ademais, a Xunta de Galiza a través da Consellería do Medio Rural, mediante o Decreto 293/2008 de 18 de Decembro, proclamou como Zona de Especial Interese Agrario (ZEIA) o solo rústico de protección agropecuaria do concello de Arbo.

     

     O obxectivo é favorecer a ampliación das explotacións existentes e impulsar o nacemento de novas explotacións, supoñendo un importante medio de xeración de emprego no rural, ademais de favorecer a incorporación de xente moza ás actividades agropecuarias.

     

     Para moitos propietarios/as das fincas afectadas pola ampliación da zona industrial, as parcelas constitúen o seu medio de vida, ou ben complementan outros ingresos, mediante a xestión das súas producións vinícolas. Uns/unhas, co aproveitamento e elaborando os seus propios viños e derivados, e outros/as mediante a súa venta ás diversas empresas do sector.

     

     A transformación en zona industrial, privaría ós/ás titulares dos seus terreos. A cambio recibirían as escasas contraprestacións que os Xurados de Expropiación considerasen oportunas.

     

     Ademais, segundo o estudo realizado polo Grupo ICEDE da Universidade de Santiago de Compostela para a Consellería de Vivenda e Solo acerca das Necesidades de Solo Productivo en Galicia para o período 2006-2015, non se necesita solo industrial na comarca de A Paradanta.:

     

    Previsión Necesidades Solo Industrial 2006-2015 para a comarca A Paradanta (Arbo-Crecente-A Cañiza):

    – Oferta programada Solo Industrial: 107.818 metros cadrados.

    – Demanda mínima prevista…………: 89.507 metros cadrados.

    – Demanda máxima prevista…………: 128.292 metros cadrados.

     

    É dicir, no suposto do escenario de demanda mínima, sobran 18.311 m2., e no caso do escenario de demanda máxima fan falta 20.474 m2 en toda a comarca. Tendo en conta a grave crises económica actual, ten maior probabilidade o escenario de demanda mínima que o de demanda máxima, co cal non ten sentido engadir unha reserva de 450.000 m2 de solo industrial no Concello de Arbo.

     

     Polo tanto, reiteramos o noso rexeitamento, ó mantemento da zona industrial que prevé a redacción actual do PXOM.