Novas

  • O SLG constata o incumprimento xeneralizado das rozas de seguridade para protexer núcleos habitados dos lumes

    O SLG constata o incumprimento xeneralizado das rozas de seguridade para protexer núcleos habitados dos lumes

    • 09,Ago 2018
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Así nolo confirman afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego de diversas comarcas de toda Galiza, e así era de prever o día que a Xunta fixo abandono de funcións neste tema para pasarlle a pataca quente aos concellos e lavar as mans en caso dunha catástrofe ambiental e humanitaria como a acontecida en outubro de 2017. De feito, os concellos -responsables de comprobar o cumprimento da obriga, de multar as infraccións ou realizar rozas de maneira subsidiaria trasladándolles o custe aos donos das fincas- xa expresaron a imposibilidade de cumprir coas súas funcións segundo declarou o presidente da Fegamp, Alfredo García.

    Outra queixa dos sectores agrogandeiros é que se está a facer fincapé na seguridade cidadá e nas masas forestais a carón de vivendas e núcleos habitados; pero deixando esquecidas as forestacións ilegais de terras agrarias ou as distancias tamén ilegais de plantacións forestais con respecto a leiras e praderías. Como xa ten denunciado o Sindicato Labrego Galego, estas seguen a causar serios prexuízos económicos ás granxas en cuestións como no acceso á terra, na expansión descontrolada da fauna salvaxe en núcleos habitados ou na produtividade dos predios; ademais de supoñer unha seria ameaza en caso de incendio para miles de labregos e labregas en toda Galiza e para as instalacións nas que desenvolven o seu traballo.

    Espazos protexidos ameazados polas cortas indiscriminadas

    Finalmente, ao Sindicato Labrego Galego tamén nos chegaron queixas da irracionalidade coa que se está a aplicar a normativa da Xunta, cortándose masas arbóreas necesarias que non representan un perigo real. Un bo exemplo puxéronnolo os veciños e veciñas de Muxía que asistiron á charla informativa sobre o catastrazo que impartiu o SLG no lugar de Quintáns, que se queixaron de que se pretende arrasar o piñeiral da praia do Lago, cando non representa ningún perigo de incendio e está protexido polo Plan de Ordenación do Litoral de Galicia da propia Xunta.

    Todas estas queixas expresadas pola nosa afiliación bosquexan a carencia de políticas coherentes da Xunta de Galiza e da Consellaría de Medio Rural na prevención de lumes forestais, unha carencia que suplen cedendo funcións e impoñendo normas de imposible cumprimento que derivan nunha aplicación caótica e irracional que, dende logo, non vai nin rematar nin paliar co problema dos incendios.

    Como adoita acontecer ano tras ano, o clima está a ser o principal aliado da Xunta no escaso número de lumes denunciados; o problema é que, cando se dean as condicións propicias, o clima tamén fará posibles catástrofes como a da vaga de incendios de outubro. Probablemente entón a Xunta acusará aos propietarios e propietarias, e tamén aos concellos, de non cumprir nin facer cumprir a norma; pero a única culpable será ela, a propia Xunta, porque o presidente Feijóo e a conselleira Vázquez saben que é imposible o cumprimento desta normativa cos medios e recursos actuais; e que é imposible solucionar a problemática dos incendios coas políticas que levan aplicando décadas para que arda Galiza un ano si e outro tamén.