Novas

  • O SLG comeza co PP a súa rolda de contactos para rematar cos abusos das industrias e das distribuidoras na cadea comercial dos produtos agrarios

    O SLG comeza co PP a súa rolda de contactos para rematar cos abusos das industrias e das distribuidoras na cadea comercial dos produtos agrarios

    • 01,Set 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para o Sindicato Labrego, esa lei pode ser a resposta a unha demanda histórica desta organización agraria e de todos os labregos e labregas de Galiza e do Estado: normalizar as relacións comerciais das explotacións agrogandeiras con contratos que se deberían negociar de xeito colectivo no seo das interprofesionais, con presenza de todos os axentes da cadea comercial: produtores e produtoras, industria, consumidores e consumidoras e, nomeadamente, as distribuidoras, que nunca estiveron nas mesas negociadoras, amais da administración como mediadora. Tamén debería contemplar esta lei a fixación de prezos mínimos para que, nos diversos sectores agrarios e gandeiros, existan garantías e seguridade, amparadas por lei, para que o traballo nas explotacións dea unhas rendas dignas para vivir.

    Neste senso, se lles expuxo ás deputadas populares a posición que deberían defender, de xeito unánime, todos os partidos políticos. Así, Carme Freire e Xosé Manuel Calvo indicaron que a lei abordará unha cuestión fundamental que aínda está por definir, e é de que xeito se vai lexislar para rematar coas prácticas abusivas das industrias e das distribuidoras, e como se van limitar as marxes de beneficio tamén abusivas que se lles traslada no prezo final a consumidores e consumidoras e que deixa no agro prezos de miseria que levan a que, cada ano, pechen miles de explotacións.

    Carme Freire e Xosé Manuel Calvo avogaron por que todas estas cuestións estean reguladas por lei, para que non siga imperando, como até o de agora, a lei da selva na comercialización dos produtos agrarios, situación na que as partes máis prexudicadas son sempre os elos máis febles da cadea: as explotacións agrarias e os consumidores e consumidoras.

    O Partido Popular escoitou e recolleu as propostas do Sindicato Labrego Galego, que tamén se lles trasladarán, en días vindeiros, ao BNG (o 5 de setembro) e ao PSOE (nunha data aínda por determinar). Unha vez que finalicen estes contactos, dende o Sindicato Labrego Galego farase un seguimento das posicións que defendan os deputados e deputadas de Galiza nas Cortes Xerais respecto desta lei, e velará para que se defendan os intereses das explotacións labregas. Dende este punto de vista, o SLG pedirá que, nas semanas vindeiras, os partidos políticos definan publicamente a súa postura diante do debate da Lei de Funcionamento da Cadea Alimentaria, e que expresen ese posicionamento a través de medidas concretas que dean contido ao futuro texto legal. 

    Xuntanza SLG-PP 

     

     

    undefined