O SLG salienta a falsedade da afirmación da industria ao alegar que “sobra moito leite”, para deste xeito xustificar o abandono dalgúns dos recorridos de recollida, cando o Estado somentes produce dous terzos do total de leite consumido, sendo a única razón de que “sobre” leite os movementos especulativos da industria.
Como vimos de denunciar recentemente, séguense a utilizar os contratos para amarrar ás explotacións, “pontear” entidades asociativas e, en definitiva, redundar na baixada de prezos.
Perante desta situación, moi grave, padecida nas explotacións da Galiza, o Sindicato Labrego Galego fai un chamamento público ao conxunto do sector (organizacións agrarias, cooperativas, grupos de gandeiros/as, etc) para articular de xeito consensuado as accións a desenvolver para rematar con esta situación imposta pola industria e as empresas de distribución.
O SLG quere trasladar tamén á opinión pública que o establecemento de prezos mínimos que cubran custos de produción foi un tema aprobado nos Parlamentos galego e español, instando ao Goberno central á elaboración de normativas que garantan o medio de vida para as explotacións por esta vía.
O Sindicato Labrego Galego espera a inmediata posta en marcha por parte do Goberno dos acordos emanados dos Parlamentos.