-
O SLG apoiou a manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará este domingo en Compostela
- 01,Xuñ 2012
- Posted By : sicom
- 0 Comments
Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que os últimos recortes impostos polo Goberno Central, en complicidade coa Xunta de Galicia, supoñen a morte da sanidade entendida como un dereito universal, público e gratuíto. A maiores, o SLG xa ten denunciado que os recortes que se están a levar a cabo na sanidade pública nos están a afectar de xeito dramático nas zonas rurais, nas que xa viñamos padecendo uns servizos reducidos que agora se limitarán aínda máis. Por todo o devandito, o SLG tamén denuncia que as políticas de recortes sanitarios do Goberno Central:
- Acaban co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurado”, deixando fora aos que non reúnan esa condición.
- Deixan fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
- Reducen a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres.
- Establecen un sistema de copagos que afectan esencialmente aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensables para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
- Inclúen un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
- Incorren en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.
- Cambian as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado.
- Privatizan a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.