O exemplo máis recente tivémolo no paridoiro e nas urxencias pediátricas de Verín, de novo un recorte de servizos médicos no rural que conseguiu salvarse grazas á rebelión exemplar dunha veciñanza xa farta de recortes. A sorpresa veu cando se soubo que, para cubrir unha das prazas de pediatría en Verín quitóuselle ao centro de saúde de Cee, deixando espido un servizo moi saturado que atendía a Costa da Morte.
Esta mesma semana, a veciñanza de Touro manifestábase nas rúas por non poder seguir cun só médico para atender unha poboación de 3.500 persoas, ou carecer de servizos de pediatría como en boa parte do rural galego.
Tamén, recentemente, dende o Sindicato Labrego Galego denunciabamos as deficiencias nos servizos de rehabilitación do Hospital Lucus Augusti, con listas de espera que chegan aos 4 meses que obrigan a moita xente a optar por clínicas privadas e que exclúen especialmente ás persoas que viven no rural e aos pais e ás nais con fillos e fillas que residen lonxe da cidade e padecen enfermidades crónicas que precisan rehabilitación (bit.ly/recortesHULA).
Son só tres exemplos recentes, pero poderíanse citar outros de toda a xeografía galega e, en especial, dos servizos sanitarios que atenden zonas rurais. Por unha sanidade pública e digna, o Sindicato Labrego Galego estará o domingo, 9 de febreiro, nas rúas de Compostela.
