Novas

  • O SLG apoia a Folga Xeral do 29 de marzo porque os recortes se asañan co medio rural e as explotacións

    O SLG apoia a Folga Xeral do 29 de marzo porque os recortes se asañan co medio rural e as explotacións

    • 23,Mar 2012
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Os recortes que estamos a sufrir os labregos e as labregas dende hai anos, intensifícanse agora coas novas políticas para atallar o déficit. Así, asistimos ao desmantelamento de servizos que, aínda que moitas veces de xeito deficiente, se lles estaban a prestar ás explotacións e ás persoas que vivimos no campo. En amplas zonas rurais de Galiza estamos quedando sen atención médica, sen servizos sanitarios de urxencia próximos, sen farmacias de garda, sen comedores escolares, sen escolas nin garderías para os nosos fillos e fillas, sen atención para os nosos e as nosas maiores, con oficinas agrarias comarcais cada vez con menos recursos, sen medios suficientes para prever incendios forestais, coa privatización e empeoramento progresivo dos servizos públicos prestados ás explotacións, etcétera.

    Todos estes recortes son consecuencia das políticas contra o déficit a que nos pretende obrigar o Goberno de Rajoy: 40.000 millóns de euros que nos sacarán aos traballadores e traballadoras para pagar os desmandos e abusos da especulación financeira e da banca. Ademais, a necesidade de recadar a través dos impostos para loitar contra o déficit é a escusa na que se ampara este Goberno para subirnos todo tipo de impostos que, para nós, labregos e labregas, se traduce nunha brutal escalada dos custes de produción para a nosa actividade que, de xeito directo ou indirecto, vimos padecendo nos últimos anos e que está facendo que o traballo agrario deixe de ser rendible para miles de explotacións: gasóleo, electricidade, butano, abonos, etcétera. E iso mentres Rajoy, do mesmo xeito que Zapatero, Aznar ou González antes, utiliza o Ministerio de Agricultura para traballar e lexislar a favor das industrias e da gran distribución e en contra das explotacións cando falamos de prezos, que non paran de aumentar para a cidadanía e seguen estancados ou á baixa para nós.

    Xa que logo, os labregos e labregas temos moitas razóns de peso para apoiar a folga xeral do 29 de marzo e para opornos, con todas as nosas forzas, á reforma laboral e ás políticas de recortes impulsadas polos gobernos do Estado e da Xunta. Polo tanto, o Sindicato Labrego Galego estará na rúa o 29 de marzo xunto ao resto de organizacións e colectivos que se opoñen á reforma laboral e ás políticas de recortes porque o futuro do noso medio rural e das nosas explotacións está en xogo.