Novas

  • O SLG apoia a folga do 9 de maio contra os recortes no ensino público e a Lei Wert

    O SLG apoia a folga do 9 de maio contra os recortes no ensino público e a Lei Wert

    • 08,Mai 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Como xa ten denunciado o Sindicato Labrego Galego, a vaga de recortes que se está a aplicar no ensino público cebouse, especialmente, cos centros escolares do rural: peche de escolas, redución de profesorado, falla de equipamento, supresión de comedores, desaparición de rotas de transporte, etcétera.

    Agora, ademais, o Partido Popular saca da manga, e coa oposición de todas as demais forzas políticas, unha reforma educativa que se plasma na Lei Wert, onde se contempla unha estrutura discriminatoria do alumnado e dos centros de ensino, segregando ao primeiro por resultados académicos e aos segundos dotándoos con mellor equipamento ou persoal dependendo da categoría dos alumnos e alumnas aos que atendan. Non fai falla ter o título da ESO para saber cales van ser os centros escolares de peor categoría: sen dúbida, os do medio rural, xa que son os peor dotados en todos os sentidos, moito peor dende a crise e os recortes.

    Así, a Lei Wert agudizará a fenda entre as persoas que viven no medio rural e as que viven en centros urbanos importantes, creando unha división da cidadanía en categorías que se imporán dende a entrada do neno ou da nena no sistema educativo, con tres anos de idade, e impoñendo por decisión política a desigualdade educativa das persoas segundo o lugar onde nazan.

    Por iso, o SLG chama a apoiar os diversos actos de protesta que mañá, 9 de maio, se desenvolverán en toda Galiza para oporse ao desmantelamento da escola pública, aos recortes discriminatorios dos centros escolares do rural e á Lei Wert.

    Folga ensino 9 de maio