Por exemplo, no SECTOR VITIVINÍCOLA estase notando moito a seca de cara a sacar para adiante a plantacións novas de vide, pois non poden prosperar sen rega, e o custe de regar unha hectárea de viñedo rolda os 300 euros. Por outra banda, as vides que están en plena produción, poderían ver minguada a colleita final entre un 40% e un 50% se continúa sen chover. Se tomamos como exemplo unha explotación vitícola do Ribeiro, cunha produción de 12.000 quilos de uva por hectárea de variedades preferentes, estariamos a falar dunhas perdas de 4.000 euros por hectárea.
Nos SECTORES DE PATACA E HORTA estanse temendo que se repitan as fortes perdas económicas que tiveron na campaña pasada debido á seca. Neste 2012, aínda non se fixo a sementeira da pataca e estamos en época de plantar en horta, polo que aínda non podemos falar de perdas importantes. Mais, de persistir a seca, en comarcas como a Limia terían que incrementar o uso dos sistemas de regadío, que supoñen un gasto adicional de gasóleo ou electricidade de 150 euros por hectárea; isto supón un aumento dos custes de produción duns 2.250 euros para unha explotación de 15 hectáreas, e duns 5.000 euros para unha de 30 hectáreas. En canto ao sector hortícola, se nos atemos ao acontecido coa seca do ano pasado, as perdas supuxeron unha caída da produción entre o 20% e o 30% en cultivos como a cebola ou a pataca temperá. Polo de agora, as explotacións están atrasando a época de plantío en espera da choiva. Pero, de seguir o tempo seco como ata o de agora, teremos que agardar importantes perdas económicas como aconteceu o ano pasado.
En canto aos SECTORES GANDEIROS, as explotacións de vacún están padecendo aínda o impacto da seca do ano pasado, pois impediulles fornecerse de forraxes propias e tiveron que mercalas fóra. Agora mesmo, hai explotacións que ás que se lles remataron todas as existencias de forraxe e están a comprar o 100% da alimentación para o seu gando. Respecto aos gastos que isto ocasiona, varían case día a día, pois o prezo da forraxe se está a disparar debido á seca. De cara a cuantificar as perdas, podemos velo cuns exemplos:
Estes prezos increméntanse día a día, xa que a escalada de prezos dos carburantes encarece o transporte, e o aumento constante da demanda fai que suba o prezo da forraxe.
Dende o Sindicato Labrego Galego, facemos un chamamento á Consellaría de Medio Rural para que, neste 2012, non se volva repetir a súa vergonzosa inoperancia diante da seca do ano pasado, na que non moveron un dedo nin puxeron nin un céntimo diante das fortes perdas que sufriron todos os sectores agrogandeiros do noso país. E para iso, pedimos que reúna con carácter de urxencia ao sector de cara a avaliar as perdas que están sufrindo as explotacións e para artellar políticas e medidas concretas que palíen, na medida do posible, os danos que cause a seca na presente campaña.