No ano 2006, realizouse un estudo de semellantes características na bisbarra da Coruña, con bos resultados en canto a participación e satisfacción dos afiliados e afiliadas; neste particular, houbo casos individuais que deron resultados moi positivos na súa evolución entre as dúas analíticas realizadas, aínda que para sacar conclusións a nivel xeral é importante a continuidade ao longo dos anos e aumentar o tamaño da mostra.
O estudo consiste na realización de dúas analíticas de sangue e ouriños por persoa, nas que se analizarán os niveis da Acetil-Colinesterasa, unha encima que intervén no proceso dos impulsos nerviosos, e cuxo nivel é inversamente proporcional á cantidade de residuos de pesticidas no organismo humano.
Ademais, realizarase un recoñecemento médico completo e un conxunto de recomendacións por parte do persoal médico do Centro de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Traballo.
O traballo completarase con enquisas entre os labregos e as labregas que usan métodos, equipos de protección e hábitos na aplicación de tratamentos. Tamén se realizarán medicións ambientais, en parcelas onde se sulfatou, para determinar os niveis de pesticidas no ambiente e definir o tempo de espera necesario para volver a entrar nas parcelas sen correr riscos para a saúde.
É importante que participe o maior número de persoas neste estudo, xa que así o resultado será máis representativo. A xente interesada deberá apuntarse nos locais do SLG.