Para Carme Freire, o encontro foi un avance, xa que todas as partes reunidas –organizacións agrarias e industrias- estaban de acordo en que debe haber contratos homologados, e en que estes teñen que ter un prezo negociado. Esta actitude supón un paso adiante xa que, ata hai pouco, o Sindicato Labrego Galego e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) eran os únicos sindicatos que defendían contratos homologados en base a un prezo.
A pesares do devandito, houbo discrepancias en canto ao sistema que se vai utilizar para fixar ese prezo base (indexación). Neste senso, Carme Freire xa anunciou que o Sindicato Labrego defenderá, nos vindeiros encontros da Inlac, que as negociacións partan dun prezo base que cubra os custes de produción. Para o SLG, esta será unha condición indispensable para que os contratos poidan facerse obrigatorios para o sector produtor. Neste senso, Freire viaxará de novo a Madrid, a vindeira semana, para comezar a debater estes particulares nunha nova xuntanza da Inlac.
Trala reunión, Carme Freire quixo enviarlle unha mensaxe á Ministra de Agricultura, Elena Espinosa, “para que non se desdiga e se manteña firme neste proceso de acadar un contrato homologado universal que fixe un prezo base para o leite”. Para Freire “ou hai unha aposta política clara para que todo este proceso teña referendo legal, ou todos estes esforzos por normalizar o sector leiteiro ficarán de novo nunha pantomima”. En relación a isto, a Secretaria Xeral do SLG criticou as declaracións do Ministerio de pretender que os prezos do leite poidan negociarse de maneira particular entre distintas organizacións e industrias. Pola contra, todos os membros da Inlac defenden que, para que todo o proceso de creación dun contrato homologado con prezo teña garantías, debe ser a propia Inlac o único órgano onde teñan lugar as negociacións. Polo tanto, as declaracións desta mañá da Ministra, Elena Espinosa, e da secretaria xerar de Medio Rural, Alicia Villauriz, deslixitiman á Inlac porque desprazan o proceso de negociación dos prezos fóra dela.