Novas

  • O SINDICATO LABREGO GALEGO NON AVALA UN CONTRATO HOMOLOGADO SEN PREZO PARA A PATACA

    • 04,Set 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Este sector atópase inmerso dende hai anos nunha dinámica de fortes oscilacións de prezos entre campañas, que perxudican tanto a produtores/as como a consumidores/as.

    Nos derradeiros meses creouse unha mesa para buscar medidas de apoio ao sector, que pasan por mellorar o asesoramento técnico, os sistemas de produción, a xestión de residuos e buscar medidas que reduzan os altísimos custos de produción á vez que nos adaptamos ás necesidades do mercado.

    Xunto cun Contrato Homologado, haberíase de crear unha Comisión de Seguimento na que a súa función sexa a de realizar un seguimento, vixianza e control do contrato.

    Un contrato debe de satisfacer a ámbalas dúas partes, tanto ao comprador/a como para o vendedor/a. Ao comprador/a garantíndolle unha cantidade e unha calidade de produto e ao vendedor/a garantíndolle unhas condicións de pago e un prezo mínimo.

    Elaborar un Contrato Homologado sen establecer un prezo mínimo é o mesmo que proporcionar aos traballadores/as dunha empresa un convenio colectivo sen garantías do que van cobrar a fin de mes.

    Ao mesmo tempo déixase á parte compradora carta branca para negociar de forma individual marxes de beneficio, na procura do establecemento dun control ao produtor/a que, en troques de axudalo a reducir custes de produción, exprimirá aínda máis as poucas marxes de beneficio que lle quedan a final de ano ao labrego ou labrega.

     

    Moitas grazas pela vosa atención.