Dende o SLG, temos que denunciar a confusión total que está a xerar a pasividade da Consellaría de Medio Rural á hora de abordar esta problemática. En primeiro lugar, Medio Rural dá a entender que, agora mesmo, o único que está prohibido é vender pataca fóra das zonas afectadas pola praga, recomendándose non cultivar. Mais, por outra banda, o Ministerio de Agricultura está preparando un decreto no que se imporá a prohibición de sementar.
No medio desta confusión, entre as actuais recomendacións e a futura prohibición, en boa parte da zona afectada a pataca de cedo estase a cultivar xa -faise tradicionalmente entre xaneiro e febreiro- porque non houbo ningún aviso oficial que cominase a facer o contrario, sendo a única información accesible para as persoas interesadas a que está a aparecer nos medios de comunicación. Desta maneira, o decreto do Ministerio prohibindo o cultivo podería chegar cando boa parte das patacas xa estean plantadas.
Esta pasividade da Xunta levou a que esta praga, que xa se detectara o ano pasado cando afectaba só cinco concellos, se teña estendido agora a 31 municipios. E seguirase estendendo se non se actúa inmediatamente, xa que agora mesmo, tal e como dixemos, estase a plantar pataca a pesares dunhas recomendacións que non foron comunicadas. O peor é que as consecuencias de todo isto vanas pagar os labregos e labregas, coma sempre, xa que a maioría xa mercaron a semente a pesares de que a Xunta coñecía dende o ano pasado a existencia do problema. Todos eses cartos investidos en semente, agora perderanse.
Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego pediremos no Consello Agrario do 14 de febreiro indemnizacións e apoios económicos para a xente afectada, tanto para cubrir os gastos causados pola falla de información da Consellaría na compra de pataca de semente, como para cubrir o lucro cesante naquelas explotacións profesionais que teñen a pataca entre os seus cultivos.