Novas

  • O Sindicato Labrego Galego lamenta que gandeiros/as e agricultores/as estradenses perdan axudas por deixadez municipal

    O Sindicato Labrego Galego lamenta que gandeiros/as e agricultores/as estradenses perdan axudas por deixadez municipal

    • 29,Out 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O vindeiro día 31 de outubro remata o último prazo (xa que esgotaron todas as prórrogas) para presentar as pertinentes licenzas de obras ante a Consellaría do Medio Rural e así poder acceder ás axudas de Primeira Instalación de Xóvenes Agricultores e ao Plans de Mellora das explotacións xa existentes. 

    Isto é, pérdense as axudas para as novas persoas que queren vivir e traballar no rural estradense; pérdense as ilusións e a capacidade emprendedora que tanto fai falta no noso concello e, sobre todo, nestes momentos; e pérdense de facer obras e instalacións que benefician a outros sectores. 

    Cando falamos de urbanismo non só falamos de vivendas e pisos, senón que hai un tecido económico moi importante no noso rural que está esmorecendo. 

    Vai máis dun ano dende que o Sindicato Labrego Galego lle entregou persoalmente unha listaxe de persoas afectadas por estes problemas á Concelleira de Urbanismo e, a día de hoxe, todo segue igual. Tan igual que dende o sector gandeiro vemos que houbo a mesma parálise na Concellaría de Urbanismo en lexislaturas pasadas cun goberno soportado polo do Partido Popular (PP), que na actualidade, e neste caso concreto, polo Partido Socialista Obrero Español (PSOE). 

    Dende o Sindicato Labrego Galego lamentamos esta situación e esperamos que muden as formas de facer política no que respecta ao Urbanismo no Concello da Estrada, e non só as caras. 

    Moitas grazas pela vosa atención. 

    Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego 

    OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON:
    Marcos Louzao, Responsábel Comarcal do SLG en Tabeirós-Terra de Montes 
    TLF: 659 211 523