No escrito presentado e aprobado por unanimidade dos membros do Órgano Rector, o SLG pedía que a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses emitise un informe, en caso de non telo feito, dirixido á Consellaría de Industria, no que se detallase o impacto negativo dos proxectos mineiros de Goldquest Ibérica e todos os aspectos nos que a extracción de minerais bate co réxime de protección deste espazo singular. Dende o Órgano Rector confirmouse que a Consellaría de Industria non solicitara ningún informe á Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, polo que acordou dirixirse a ela para presentarse como parte interesada, emitir o correspondente informe e presentar alegacións.
Para o Sindicato Labrego Galego, a implicación directa da Deputación de Lugo marca un antes e un despois na oposición á minaría salvaxe na Galiza. Cómpre ter en conta que en loitas semellantes, como a desenvolvida na Terra Chá contra os proxectos de Erimsa, a Deputación limitábase a informar os expedientes que afectaban a vías provinciais. Ademais, até o de agora a oposición á minaría salvaxe só contou co apoio institucional dalgúns concellos afectados, pero nunca cun ente de ámbito provincial. En breve, o Sindicato Labrego Galego vai proceder de igual xeito para que a Deputación de Lugo se implique tamén na oposición aos proxectos de Goldquest a través da Reserva da Biosfera Terras do Miño -na que está incluída o concello de Baralla, tamén afectado- e cuxos órganos rector e de participación se reuniron o 31 de xullo.