Novas

  • O Sindicato Labrego Galego denuncia unha posible prospección ilegal en Oroso por parte da mineira Erimsa

    O Sindicato Labrego Galego denuncia unha posible prospección ilegal en Oroso por parte da mineira Erimsa

    • 23,Mai 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Segundo unha información publicada en varios xornais, Erimsa estaría a tomar mostras de cuarzo nas proximidades de Porto Avieira (Oroso) para ver se lle interesa facer unha explotación industrial do mesmo. Nembargante, a pesares de que a solicitude de permiso para prospeccións estivo en exposición pública en febreiro e marzo, aínda non houbo resolución administrativa; tamén o alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira, negou publicamente que se lle concedese ningún permiso a esta empresa para tal fin. Polo tanto, Erimsa carece de permisos legais para facer estes estudios e extraccións, polo que podería ter incorrido nunha actividade ilegal ao tomar mostras minerais.

    Dende o Sindicato Labrego Galego, pedimos ao Concello de Oroso, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Consellaría de Industria, que inicien unha investigación dos feitos denunciados e, en caso de ter habido infracción e vulneración da lei, emprendan as accións legais pertinentes contra Erimsa ou quen fixese no seu lugar as prospeccións mineiras devanditas. Para o SLG é grave a proliferación de proxectos mineiros en toda Galiza que ameazan con destruír amplas zonas do noso país cunha grande riqueza de recursos agrogandeiros e forestais en activo e coa conivencia da Xunta; pero, ademais, resulta insultante que a empresas como Erimsa non lles abonde con pór en perigo de desaparición os sectores económicos que dan vida ao noso medio rural, senón que o fagan infrinxindo a lei. Por iso, agardamos que as denuncias interpostas polo SLG deriven nunha sanción exemplar que lle deixe claro á industria mineira que por riba do seu lucro deben prevalecer a lei e os intereses da cidadanía afectada polos seus proxectos.

    Case 1.000 hectáreas afectadas en Oroso, O Pino e Compostela

    As extraccións feitas en Oroso están dentro da concesión mineira Calvente, que afecta a case 1.000 hectáreas, boa parte delas catalogadas como solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal, onde non é posible a actividade mineira sen autorización previa. Ademais, unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira.