De acordo cos compromisos adoptados co SLG o pasado 5 de agosto, Lácteos Tambre presentou un plan de pagos o 16 de agosto. Neste plan, a empresa propuña pagar a prazos, e até xullo de 2012, as mensualidades que lles debe a estes gandeiros e gandeiras. Mais ningunha das explotacións que defende o Sindicato Labrego aceptou e, tras unha nova rolda de negociacións celebrada ao mediodía do 17 de agosto, Lácteos Tambre accedeu a saldar a débeda antes do peche do exercicio do presente ano, o 31 de decembro de 2011.

Unha vez acadado o compromiso da empresa láctea, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, declarou que “agardamos que cumpran con este acordo sen necesidade de continuar cos xuízos que temos neste intre por mor das denuncias que presentamos, e que seguirán o seu curso legal en caso de non cumprir a empresa o pactado”.
O número de explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre é moi superior ás sete que están sendo defendidas polos servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego, e están repartidas por boa parte da xeografía galega; sen embargo, o meirande delas non se atreveu a denunciar.