Nesta reunión o Comité de empresa e os representantes do SLG estivemos de acordo en que non se trata dun ERE, senón da desaparición dunha factoría e da perda de todos os postos de traballo desta.
Polo tanto, o que estamos perdendo é un centro de traballo con máis de 150 empregos directos e un número importante deles indirectos, pero tamén unha industria transformadora para o sector lácteo, básico na Galiza, principal produtora de leite de todo o estado.
Ademais supón o abandono de moitas rutas de recollida que pasarán a entregar o leite a outras industrias, sen que as gandeiras e gandeiros teñan capacidade ningunha de decisión sobre a quen lle venden o leite.
Falamos pois dun problema que afecta non só aos traballadores e traballadoras, senón á toda a comarca da Terra Chá e por extensión a todo o sector lácteo.
Dende o SLG manifestamos a nosa disposición a apoiar toda a mobilización social que se faga co fin de evitar que o ERE prospere, e nese sentido comprometémonos a participar na concentración que os traballadores e traballadoras de Pascual teñen convocada para mañá ás 12:00 diante da Casa da Cultura de Outeiro de Rei.
