Novas

  • O Sindicato Labrego denuncia as novas autorizacións de transxénicos que argalla a Comisión Europea

    O Sindicato Labrego denuncia as novas autorizacións de transxénicos que argalla a Comisión Europea

    • 25,Nov 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Trátase dun exemplo máis do poder que teñen os lobbies das corporacións transxénicas á hora de influír sobre os nosos gobernos e acadar o seu obxectivo de implantar os transxénicos nas nosas leiras, aínda que sexa a costa de desmantelar a agricultura labrega e familiar e de privar aos pobos da súa soberanía alimentaria.

    As últimas enquisas do Eurobarómetro revelaron que o 61% da cidadanía europea e o 53% do Estado Español rexeitan os alimentos transxénicos1. Dende o SLG entendemos que, diante das demandas da cidadanía, a Comisión Europea e os estados da UE deberían adoptar unha posición de cautela e precaución diante dos transxénicos. Mais, pola contra, volve ficar patente que o poder económico das corporacións da manipulación xenética pode máis que a saúde das persoas, a capacidade de producir alimentos no noso territorio ou o mantemento da nosa biodiversidade e patrimonio natural do que nos mantemos e vivimos os labregos e as labregas.

    Este novo ataque da Comisión Europea contra a seguridade alimentaria, en aras dos intereses de certas industrias do sector alimentario, non é un caso illado. Neste senso, podemos citar a petición da Federación Europea da Industria de Aceites e Tortas (Fediol)2, que lle pediu á Comisión unha “solución técnica” que permita a presenza “fortuíta” de transxénicos prohibidos na Unión Europea nos produtos alimentarios que fabrican. Alega a Fediol que “as cadeas de aprovisionamento de alimentos para o consumo humano e de alimentos para os animais están profundamente interconectadas e a súa separación total non é nin realizábel nin economicamente viábel”. A isto engaden que “moitas oleaxinosas son importadas para completar a produción e o aprovisionamento na UE e son utilizadas, ao mesmo tempo, para a alimentación humana e animal” como soia, xirasol ou colza.

    Non debemos permitir que os intereses especuladores das grandes multinacionais sigan a impornos un modelo de alimentación en contra da opinión da cidadanía e dos labregos e labregas, limitando e coaccionando a nosa capacidade de elección; e camiñando cara a desaparición das nosas explotacións familiares con vocación de producir alimentos sans e de calidade no noso territorio e para a nosa xente, labor para a que non nos fan ningunha falla os transxénicos.

    Como alternativa ás políticas a favor dos OXM da Comisión Europea, o SLG demanda un mundo rural vivo que só será posible se os gobernos da Unión Europea apostan por defender aos labregos e ás labregas que producen alimentos fronte aos intereses económicos e especuladores das industrias da manipulación xenética.

     

    1http://www.infoagro.com/noticias/2010/11/17057_se_multiplica_rechazo_transgenicos_espa%C3%B1a.asp

     

    2Fédération Européenne de l’Industrie d’huiles et tourteaux (Fediol)