Novas

  • O Sindicato Labrego congratúlase pola decisión do Ministerio e da Consellaría de facer voluntaria a vacina contra a lingua azul

    O Sindicato Labrego congratúlase pola decisión do Ministerio e da Consellaría de facer voluntaria a vacina contra a lingua azul

    • 25,Xan 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Carme Freire explicou que “a lingua azul é unha enfermidade puramente animal, que non se transmite aos humanos nin na cadea alimentaria, á que se lle pode dar un tratamento veterinario selectivo, caso por caso. Dende logo, os danos causados pola vacina foron moi superiores aos que tería causado a enfermidade por si mesma. Por exemplo, no sector ovino temos constancia de explotacións que perderon a súa cabana gandeira completa por mor da vacina”.

    Pola súa banda, o secretario dos sectores gandeiros do Sindicato Labrego foi o encargado de relembrar os máis de tres anos de loita que, en solitario, desenvolveu esta organización agraria na Galiza contra a vacinación obrigatoria. Foi a finais de verán do 2008 cando se deron os primeiros focos da enfermidade na Mariña lucense; en setembro dese ano, iniciábase a primeira campaña de vacinación obrigatoria para os gandos vacún, ovino e caprino. A raíz das primeiras vacinas, comezaron a manifestarse as consecuencias adversas do tratamento: abortos, esterilidade e baixa fertilidade tanto en machos como en femias, coxeiras, caídas de produción leiteira e mortes de animais.

    “Dende ese intre”, lembrou Cabarcos, “o SLG comezou a mobilizarse contra a vacina, tanto nas súas manifestacións públicas como realizando todo tipo de contactos coas administracións competentes. A súa reivindicación principal, que a vacina fose voluntaria e non obrigatoria”.

    O 20 de maio de 2010, uníndose a colectivos de todo o Estado Español, o Sindicato Labrego contribuíu a fundar a Plataforma pola Libre Vacinación do Gando. Tamén, en setembro do mesmo ano, organizaba un seminario centrado nesta problemática onde se deu a coñecer unha situación semellante nos sectores gandeiros franceses. Os primeiros resultados desta loita reivindicativa tivémolos o 30 de decembro de 2010, cando se publicou unha orde ministerial a través da cal a vacina contra o serotipo 8 pasaba a ser voluntaria, e a do serotipo 1 obrigatoria só até o 30 de xuño de 2011. Nembargante, o 1 de xaneiro, o director xeral de producións agropecuarias da Consellaría de Medio Rural, Xosé Álvarez Robledo, anunciou que a vacina contra a lingua azul pasaba a ser voluntaria na Galiza para toda a cabana gandeira.

    A situación actual ante esta enfermidade é que os gandeiros e gandeiras que queiran vacinar ao seu gando terán que solicitalo voluntariamente na oficina agraria comarcal que lles corresponda. Respecto disto, o secretario dos sectores gandeiros do SLG vaticinou que “van ser moi poucas as explotacións que soliciten a vacina voluntaria contra a lingua azul na Galiza, despois dos estragos causados por esta”.

    Finalmente, Adolfo Cabarcos afirmou que “nesta ocasión se fixo xustiza”, ao que engadiu que “no SLG nos sentimos orgullosos e orgullosas de todo o traballo feito contra a vacina obrigatoria. Alédanos poder darlles, por fin, unha boa nova aos gandeiros e gandeiras deste país, e demostrar que as loitas sociais son necesarias e útiles para facer avanzar ao agro galego”.

    Carme Freire e Adolfo Cabarcos