Dende o Sindicato Labrego Galego queremos salientar que o esmorecemento que está a vivir o medio rural supón tamén unha perda irreparable para a cultura e para a lingua. A perda das persoas que teñen que abandonar o lugar no que naceron por falta de expectativas, a perda dos nenos e das nenas que teñen que desprazarse moitos quilómetros para ir ao colexio, a un medio alleo que a maioría das veces nega boa parte da súa cultura e da súa forma de vida, a perda dos múltiples saberes que atesouran as nosas persoas maiores e que xa non se transmitirán a ninguén, porque se está impedindo que moitas persoas mozas teñan futuro no medio rural.
O espolio que o goberno da Xunta pretende facer da terra favorecendo a implantación de grandes proxectos mineiros promovidos por diferentes transnacionais, os monocultivos forestais, concentracións de centos de animais, liñas de evacuación de enerxía etc, leva canda si a eliminación da forma de vida de moitas persoas e profundas mudanzas sobre os usos do territorio, sobre a paisaxe e sobre a nosa memoria colectiva. Miles de microtopónimos desaparecen soterrados nas escombreiras das minas que se presentan como a panacea da modernidade, soterrando tamén o medio de vida das veciñas e veciños, a memoria dos usos que esas terras foron tendo ao longo dos tempos, das diferentes formas de asentamento e das persoas devanceiras que as poboaron, fontes, ríos, diferentes especies de flora e fauna que resultan afectadas…
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego apoia a manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego, da que forma parte, para este venres 17 de maio, Día das Letras Galegas. Para o SLG, a defensa da lingua galega como idioma propio da Galiza segue a ser un compromiso irrenunciable que mantemos dende a nosa fundación en tempos da ditadura fascista do Xeneral Franco, en 1973, e que segue vixente hoxe en día, no ano 2013, diante das constantes agresións que, tanto dende o Goberno do Estado como dende a Xunta de Galiza, ámbolos dous en mans do Partido Popular, está a sufrir a fala que herdamos dos nosos devanceiros e das nosas devanceiras. Por iso, o SLG estará de novo nas rúas este 17 de maio, apoiando as diversas manifestacións convocadas pola Plataforma Queremos Galego e subscribindo o seu manifesto para ese día.