“Líder indiscutible do sindicalismo labrego galego, feminista galega e referencia obrigada dentro do movemento agrario europeo e internacional. Nacida en casa labrega da Pobra do Brollón (1958), comezou a participar desde moi nova nas loitas e no sindicalismo labrego a través dos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL), das Comisións Labregas, da loita contra a Cota Empresarial e contra as cotas lácteas. Desde 1989 até 2007, ocupou o cargo de secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, desde o que promoveu a Secretaría das Mulleres, ao mesmo tempo que foi membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea e representante de Europa na comisión Internacional de Mulleres da Vía Campesina. Ademais, participou en numerosos foros internacionais e impartiu numerosas conferencias sobre temas como a soberanía alimentaria, o sector lácteo, a situación das mulleres labregas, o mundo rural, a Política Agraria Común, etcétera. En 2007 abandonou a Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego e, actualmente, é responsable da Secretaría de Organización e de Finanzas no SLG. Coa convicción de de poder crear unha nova orde social alternativa á sociedade neoliberal patriarcal, é co-titular dunha explotación de horta e mel no concello de Vedra, na que producen ao modo labrego e promoven a venda dos seus produtos nos mercados locais. Con este recoñecemento, o Pedrón de Ouro tamén quere visibilizar e valorar o traballo colectivo das mulleres labregas de Galicia”.

