Novas

  • O Parlamento Europeo rexeita por maioría o cultivo de novos millos transxénicos

    O Parlamento Europeo rexeita por maioría o cultivo de novos millos transxénicos

    • 07,Out 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    “Sería unha irresponsabilidade permitir o cultivo de novos transxénicos nesta situación. Os millos modificados xeneticamente que se pretenden autorizar só traerán máis problemas a un sector que xa está sufrindo pola presenza do teosinte”, declarou Andoni García Arriola de COAG/SLG.

    Hai un ano, 17 países e catro rexións da Unión Europea prohibiron o cultivo de transxénicos no seu territorio, mentres que a superficie cultivada no Estado Español e Portugal diminuíu nas últimas campañas. Ademais, varias empresas retiraron os expedientes de autorización de novas variedades modificadas xeneticamente diante da evidencia do rexeitamento que xeran e a falla de mercado..

    “Hai un grave déficit democrático na toma de decisións sobre transxénicos na Unión Europea. A Comisión segue a facer presión para que se cultiven novos millos transxénicos pese a que a opinión en contra do meirande dos estados membros e do Parlamento Europeo, e a falla de datos científicos sobre a súa seguridade”, afirmou Blanca Ruibal, de Amigos da Terra.

    Respecto á presenza do teosinte, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou, recentemente, unha opinión na que se subestiman os riscos que supón a presenza deste parente silvestre do millo.

    “Se non paramos o cultivo de millo transxénico poderiamonos atopar nun futuro próximo con supermalezas que dificultarían aínda máis os labores dos labregos e labregas e poderían levar a un maior uso de praguicidas con nefastas consecuencias para o medio ambiente e a saúde das persoas”, concluíu Luis Ferreirim, de Greenpeace.

    Amigos da Terra, COAG/Sindicato Labrego Galego, Confederación Estatal de Consumidores e Usuarios (CECU), Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Plataforma Andalucía Libre de Tranxénicos e a Rede de Sementes, solicitamos que o Goberno en funcións vote contra a proposta da Comisión Europea de reautorización do millo transxénico MON 810, e da autorización do millo Bt11 de Syngenta e o 1507 de DuPont-Pioneer, tal e como recomendou onte o plenario do Parlamento Europeo.