“O apoio que o PE demostrou para os dereitos labregos é extraordinario”, afirmou Pierre Maison, membro do Comité Coordinador da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC). “A Declaración dos Dereitos Labregos axudará a mellorar a situación dos labregos e das labregas en toda Europa e dará novas esperanzas ás agras europeas. Despois de máis de vinte anos de liberalización do mercado agrícola e violacións dos dereitos labregos en todo o mundo, os labregos e labregas terán por fin a súa carta de dereitos. Xa vai sendo hora de que os nosos gobernos apoien este documento, uníndose non só ao PE, senón ao resto do mundo”.
“Por fin, o PE, principal organismo que representa á cidadanía da UE, escoitou a nosa voz”, engadiu Ramona Duminicioiu, membro de Ecoruralis (Romanía) e do Comité Coordinador da ECVC. “O vindeiro mes de setembro, os estados membros deben cumprir coa posición do PE e votar a favor da Declaración dos Dereitos Labregos no vindeiro Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra. Ningún instrumento legal existente nos protexe do acaparamento de terras, a explotación e moitos outros abusos. Precisamos con urxencia esta declaración, especialmente en Europa do Leste, onde se atopan o meirande do campesiñado europeo. Se vai para adiante, esta declaración podería beneficiar fondamente a nosa sociedade”.
En definitiva, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina esíxese aos estados membros da UE que adopten a Declaración de Dereitos Labregos seguindo a recomendación do Parlamento Europeo. No caso do Estado Español, o Goberno do PP sempre foi reacio a apoiar este documento; veremos agora se, co cambio de siglas na Moncloa e a recomendación de Bruxelas, sumamos novos apoios na procura desa Declaración dos Dereitos Labregos.
Se queres ter acceso á resolución do PE, podes descargala (en francés e inglés) en:
http://www.europarl.europa.eu/oeil/popups/ficheprocedure.do?lang=en&reference=2017/2206(INI)