Aínda que se trata dun trámite sinxelo, o feito de ter que facelo cando o proceso de solicitude e concesión estaba teoricamente rematado, é unha boa mostra da improvisación coa que o Ministerio de Agricultura está actuando na crise do sector lácteo, quizais movido polas présas que lle marcan as Eleccións Xerais de decembro. Para abondar máis neste xeito trapalleiro de facer as cousas, a aplicación informática para realizar este trámite está fallando e, por riba, nas oficinas agrarias comarcais da Galiza non saben nada desta nova esixencia do Ministerio de Agricultura.
Dende o Sindicato Labrego Galego sospeitamos que se podería tratar dunha comenencia para que máis dunha persoa beneficiaria perda a subvención por despiste; sendo malpensados, até poderiamos pensar que o Goberno quere que o pagamento da axuda coincida coa campaña electoral. Sexa cal sexa o motivo, esiximos do Ministerio de Agricultura que notifique a cada unha das persoas beneficiarias desta axuda o novo trámite, así como a disposición das oficinas agrarias comarcais para que as asesoren para solventar este novo requisito.