Cando se redactou a Lei da Cadea Alimentaria, incluíu como un dos eixes para a súa execución un Observatorio dos Alimentos que se encargase de “analizar e estudar de maneira continuada a estrutura básica dos custes e de prezos percibidos e pagados así como os factores causantes da súa evolución, nos produtos de maior importancia estratéxica para o sector agroalimentario español” (artigo 20 i) e “realizar estudos de carácter regular, encamiñados a establecer un seguimento sistemático da formación dos prezos finais dos alimentos” (artigo 20 h).
Porén, os estudos propostos polo Ministerio de Agricultura non van encamiñados nesa dirección, xa que non se centran en abordar a estrutura básica de custes e prezos nos elos da cadea de valor, nin analizan a formación dos prezos finais dos alimentos -só os describen-, nin tampouco estudan os factores que determinan a posible evolución.
Para o Sindicato Labrego Galego, este feito non é máis que outra vía de auga nunha Lei da Cadea Alimentaria que vén naufragando dende 2013, ano da súa aprobación, ao non prohibir os abusos das industrias e distribuidoras sobre as granxas, nin prácticas como a venda a perdas ou a cotización dos alimentos en orixe por debaixo dos seus custes de produción.
Agora, o Ministerio de Agricultura pretende tamén desvirtuar os estudos sobre a cadea de valor que contemplaba a lei, necesarios para ter unhas referencias obxectivas e oficiais para chegar a consensos sobre prezos mínimos entre os axentes dos distintos sectores agroalimentarios. Que o Ministerio de Agricultura deixe aínda máis baleira de contido a Lei da Cadea Alimentaria non sorprende; é unha acción coherente coa súa política de laissez faire aos grandes grupos empresariais da alimentación, isto é, a permisión absoluta para que estafen e extorsionen impunemente aos labregos e labregas que producen alimentos na Galiza e no Estado.
