Deste xeito, culmina todo un traballo que comezou cun curso de agricultura ecolóxica no concello en 2011, e tivo continuidade na organización deste evento e nunha serie de charlas previas en Calo, Recesende, Os Tilos e Cacheiras para promovelo.
A partir de agora, o mercado do alimento labrego dos Tilos celebrarase cada sábado, de 10:00 a 14:00 horas, creándose así un espazo de venda directa como alternativa de futuro para as produtoras e produtores da zona. Con esta liña de fondo, o mercado nace como un proxecto de acción e sensibilización colectiva, para favorecer o consumo de alimentos locais e de tempada, e para recuperar a idea do mercado como espazo social e de encontro. Dende o Sindicato Labrego Galego cremos que, no contexto de crise estrutural na que nos atopamos, as alternativas de futuro pasan por este tipo de apostas, que teñen na soberanía alimentaria o seu marco de acción.
O desenvolvemento de mercados coma este é tamén unha vía para xerar emprego rural, especialmente nestes momentos no que o paro ameaza a unha parte importante da poboación. Precisamos buscar alternativas, e a produción de alimentos sans e de calidade é unha delas.
Este mercado bota andar co compromiso dun grupo de labregas e labregos da comarca, agardando que se sumen moitas e moitos máis. No mercado p atopar espazos diferenciados: agricultura ecolóxica certificada, alimentos naturais e sostibles, producións caseiras, etcétera.