Novas

  • O Mercado das Alfaias visibilizará na capital galega a produción agroecolóxica, local e de proximidade

    O Mercado das Alfaias visibilizará na capital galega a produción agroecolóxica, local e de proximidade

    • 24,Xuñ 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Este mércores 26 de xunto terá lugar de 11 a 14.30h. Na Praza Roxa de Santiago de Compostela a primeira edición do Mercado das Alfaias, un mercado labrego con produtos agroecolóxicos e locais, organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a asociación compostelá Non é o mesmo, que desenvolve iniciativas para fomentar o comercio e o consumo local. [Adxuntamos cartaz]

    As casas de labranza abastecen o noso territorio, fortalecendo a soberanía alimentaria da Galiza, así como a nosa resiliencia fronte ao cambio climático. Porén, esta labor esencial está en perigo por mor da agricultura industrial.

    “Con este espazo nunha das zonas máis transitadas da capital compostelá, a Praza Roxa, queremos pór en valor o traballo das labregas e axudar a tomar consciencia do enormemente prezados que son os alimentos que producen”, incide o responsábel do SLG-CCLL na comarca de Compostela Álex Hernando. “Cada peza de froita ou verdura agroecolóxica ten un valor inmenso dende o punto de vista económico, social e ambiental, polo que deberiamos considerala unha verdadeira alfaia, daí o nome do mercado: o Mercado das Alfaias”.

    Afortunadamente, cada vez máis persoas son conscientes da importancia de garantir unha alimentación de calidade producida na contorna da poboación á que abastece, e este é tamén un dos aspectos nos que queremos incidir ca realización deste mercado, para o que contaremos cun espazo de palestras no que poremos en común a perspectiva das persoas labregas, a través da voz de Lídia Senra e Miguel Navarro; a distribución deste tipo de alimentos, da man de Xosé Manuel Durán (A Cesta da Saúde); as estratexias de fortalecemento a través da restauración, con Borja Magariños (Restaurante Bellaco) e no noso papel crucial como consumidoras, a través das reflexións de Martina Rey.

    Precisamente somos as persoas consumidoras as que podemos incentivar a produción e fortalecer a distribución de alimentos agorecolóxicos e de proximidade priorizando na cesta da compra os produtos das persoas labregas da contorna, acudindo preferiblemente a mercados ou tendas que traballen man a man coas produtoras.

    Así mesmo, á hora de xantar ou cear fóra, tamén podemos elixir restaurantes que se abastezan destes produtos, como así fan en Santiago de Compostela o Restaurante Bellaco e A Alacena de Cris, que non só estarán presentes na Praza Roxa o vindeiro mércores 26 para contar a súa experiencia senón que ademais fornecerán de balde unha degustación de petiscos para aquelas persoas que se acheguen a este espazo, que tamén poderán desfrutar da actuación do grupo local Kedirán.

    “O Mercado das Alfaias aspira a ser un espazo de encontro de tempada” -abonda Hernando-. “Agardarmos poder vernos con cada nova estación, e ao igual que faremos este mércores ca produción de verán, dar a coñecer ao longo do ano os alimentos de cada tempada, ao tempo que informamos sobre como e onde mercar estes alimentos labregos agroecolóxicos e damos a coñecer a hostelaría comprometida coas labregas, cos alimentos sans e co noso territorio”.

    Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos enormemente a posibilidade de colaborar canda a Asociación Non é o Mesmo na área de Compostela para dar visibilidade ás problemáticas ás que se enfronta a agricultura labrega, as repercusións que ten para nós como sociedade e como persoas non ter garantida a nosa soberanía alimentaria e poñer en contacto labregas agroecolóxicas da contorna con tendas e restaurantes que compartan esta filosofía de consumo responsable a fin de consolidar dinámicas que vaian priorizando a demanda e consumo dunha alimentación local e ecolóxica en tódolos sectores.