Novas

  • O IV Encontro de ContraMINAcción convocará na Galiza movementos contra a minaría destrutiva de toda a Península

    O IV Encontro de ContraMINAcción convocará na Galiza movementos contra a minaría destrutiva de toda a Península

    • 05,Feb 2019
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O IV Encontro de ContraMINAcción deseñou un programa de actividades abertas de acceso libre para toda persoa que queira participar. Así, durante a mañá do sábado 16 de febreiro, desenvolveranse tres mesas redondas no Museo do Pobo Galego: “Un regueiro de desastres contaminantes”, “Novo boom: a febre polo ouro e outras febres” e “Daquela que? Hai alternativas”. O domingo 17 de febreiro, asistiremos á estrea do documental “San Finx: a catástrofe de 1960”, dirixido por Irene Pin Basanta, que se proxectará na Casa do Matadoiro (praza do Matadoiro) a partir das 10:00 horas, tamén en Compostela.

    Tecendo redes a nivel internacional contra a minaría

    Un dos obxectivos principais deste evento será visibilizar as dimensións do boom mineiro na Península Ibérica e continuar a tecer redes entre os colectivos que se enfrontan á minaría insostible, destrutiva e produtora de refugallos dentro e fóra de Galiza. A causa do esgotamento progresivo dos recursos minerais do planeta e do crecemento exponencial do seu consumo, as prácticas mineiras están a ser cada vez máis agresivas co medio ambiente e os hábitats e sociedades afectadas. Isto está a implicar un aumento da sinistralidade, como demostran numerosos accidentes acontecidos nas últimas semanas como a rotura da balsa de lodos en Brumadinho, no Brasil; ou, en España, o derrubamento acontecido na mina Cobre Las Cruces, en Sevilla, que obrigou ao seu peche; ou o desbordamento das balsas residuais de Touro; feitos todos que se analizarán no encontro xunto coas invitadas e invitados. Trátase dunha problemática global que se está a agudizar cada vez máis e que, co ánimo de enfrontala con máis forza, xa propiciou, en anteriores encontros, a alianza dos colectivos que formamos parte de ContraMINAcción na Galiza con organizacións internacionais como Yes to Life No to Mining (YLNM). Agora, a través do IV Encontro agardamos poder reforzar esa rede a nivel peninsular.

    Podedes seguir as nosas publicacións e debates en redes sociais a través do cancelo #ContraMINA2019

    IV Encontro Minaría 1ContraMINAcción somos unha plataforma galega que desenvolve actividades contra a minaría destrutiva na que estamos integradas 24 organizacións e colectivos da Galiza (http://www.contraminaccion.org/colectivos-que-formamos-a-rede/)

    2Asociación de afectados por metales pesados (Cartagena), Coordinadora No a la Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Morón (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal).