Para empezar, mal, pois resúltanos insuficiente: nós solicitamos poder presentar as declaracións e autoliquidacións do primeiro trimestre conxuntamente coas do segundo, tendo como prazo até o 20 de xullo. Porén, este decreto lei só amplía até o 20 de maio. Non entendemos por que a Axencia Tributaria só amplía o prazo até o 20 de maio, xa que a efectos recadatorios non ía haber diferencia con aumentar ese período tres semanas máis, pois xa temos en vigor a posibilidade de aprazar os pagamentos durante tres meses sen intereses.
Ademais, tarde e arrastra, xa que a tardanza de case un mes en publicar esta decisión dende a nosa solicitude anulou os efectos positivos que pretendiamos coa ampliación. Cómpre pensar que, xusto hoxe, remataba o prazo para domiciliar os pagamentos do primeiro trimestre, que é a única maneira de presentación das liquidacións que saen a pagar se a declarante quere evitar ter que ir ás oficinas bancarias. Isto obrigou ás persoas contribuíntes a realizar todo o traballo de recompilación da documentación e os desprazamentos necesarios para achegala ás oficinas administrativas, accións que, precisamente, pretendíamos evitar coa nosa solicitude para non aumentar o risco de contaxio ou a propagación do Covid-19. Polo tanto, este decreto lei chega demasiado tarde e xa non vai contribuír a conter a expansión da pandemia.