Onte, venres 30 de xullo, tivo lugar no local do SLG de Xinzo da Limia unha asemblea urxente con agricultores e agricultoras de distintas zonas da comarca que carecen de regadío e están sendo afectadas por multas por parte do Seprona. Ao longo desta semana o Seprona interveu en distintas parcelas, nalgunhas mesmo acompañado por medios de comunicación, para sinalar publicamente e multar ás agricultoras/es que están regando os seus cultivos ca auga do pozo.
Dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos unha vez máis a gravidade da situación na comarca da Limia, sobre todo nas zonas onde non hai regadío, consecuencia do incumprimento por parte da Administración do compromiso de fornecer este servizo fundamental para a comarca, contraído hai xa máis de tres décadas. Agora, as pequenas e medianas agricultoras/es da zona, que se esforzan por seguir producindo como poden nun territorio no que o regadío é absolutamente imprescindíbel para os cultivos, non só son discriminadas/os con respecto ás labregas/os doutras zonas do Estado español máis áridas e con menos auga -ás que si lles dan solución-, senón que ademais están tendo que facer fronte a multas económicas.
A presión da que están a ser obxecto estas labregas e labregos por parte do Seprona e dos axentes medioambientais responde ao desleixo e incapacidade dos Ministerios de Interior e de Transición Ecolóxica para cumprir cos compromisos políticos e acadar un acordo que poña fin dunha vez por todas a esta situación de indefensión, dado que non foron adoptadas até o dagora as actuacións requiridas para adaptarse ás medidas medioambientais e de transición ecolóxica esixida pola actual normativa medioambiental europea.
O Sindicato Labrego Galego esixe a inmediata actuación do Ministerios de Interior e de Transición Ecolóxica, a fin de chegar a unha solución para estas agricultoras/es que lles permita regar os seus cultivos sen se ter que expor ás multas, e así poder seguir ca sua actividade de produción de alimentos.
*Arquivo MP3 con declaracións de Sonia Vidal, responsábel comarcal do SLG na Limia