Con esta convocatoria a CMR cumpre cun paso previo obrigatorio para que o plan sexa logo aprobado polo Consello da Xunta.
Nembargantes, foinos imposíbel por parte das organizacións agrarias, forestais, ecoloxistas e sociais que integramos o Consello emitir unha resposta, xa que o texto achegóusenos durante a propia realización do mesmo.
Dende o Sindicato Labrego Galego -e pensamos que esta valoración pode facerse extensíbel ás demais organizacións integrantes do Consello Forestal- asumimos que as agresións aos nosos montes -e neste caso concreto o lume- é unha das problemáticas máis doentes que sofre este país, afectando tanto no plano social, coma no ecolóxico e económico.
É por iso que pola propia responsabilidade que temos as organizacións que integramos o Consello Forestal, abstivémonos de dar o visto bo ao PLADIGA2010, xa que non houbo un acceso previo ao texto para a súa lectura e análise, imprescindíbel dende o noso punto de vista para unha valoración razoada.
Logo desta experiencia, agardamos ter sido un exemplo para a Consellaría do Medio Rural e, o antes posíbel, sermos correspondidas na sensatez da nosa seriedade á hora de proceder, adoptando pola súa parte un grao de maior consecuencia na metodoloxía que enmarca a presentación de textos deste calado para a cidadanía nos órganos de consulta de carácter social.
A este respeito, non consideramos un bo comezo a resposta da CMR ás críticas realizadas hoxe no marco do Consello Forestal neste sentido, indicando que se aceptarían alegacións ao PLADIGA, pero xa para o do ano 2011, ao teren pechado o proceso do deste ano.
Malia a que como lembrou a CMR durante a presentación “non se trata dunha votación” (a consulta é obrigatoria por lei), dende o SLG temos claro que actuar neste sentido dun xeito responsábel e respectuoso cara á cidadanía é un deber político e moral.