Novas

  • O Consello Agrícola da U.E. ou Como as/os irresponsábeis políticos mercadean coas vidas labregas e da cidadanía

    • 06,Out 2009
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O Consello decidiu seguir adiando con “consultas a expertos” o seu deber de abordar solucións para a desfeita que a política agraria aprobada nos últimos tempos está a supoñer, levando a milleiros de explotacións e de postos de traballo á ruína, parte fundamental da articulación económica e social da Galiza e de toda Europa.

    A maiores, comezar a reiterar posíbeis solucións como a da creación dun “mercado de futuros para o leite” é arrepiante: especular na bolsa mundial con alimentos como o leite, un alimento básico, non pode menos que alarmar a toda a sociedade do que se está xogando nestes foros.políticos

    Se isto acontecera, os grandes poderes económicos e bursáteis aprovisionaríanse de grandes cantidades de leite para sacalas ao mercado, cando, como e ao prezo que máis beneficios lle dera, mentres que aos labregos e labregas mercaríannos con contratos sen prezo como, cando e ao prezo máis barato para teren beneficios.

    Negocio redondo para os grandes poderes, que seica van a ser quenes regulen o mercado.

    E aínda nos dirán que todo iso é para garantir a liberdade do mercado!!!

    Estamos nun punto no que dende o SLG pensamos que non hai solución á crise leiteira se non hai unha modificación en profundidade das decisións adoptadas en materia agrícola nos últimos anos.

    Por iso, apelamos a que se reúnan os xefes e xefas dos Estados membros da U. E. a fin de :

    reducir, redistribuír e controlar a produción leiteira na U.E. para axeitar oferta e demanda, impedindo movementos especulativos.

    garantir rendas para os produtores e produtoras cun prezo mínimo que cubra os custos e traballo.-promover a produción leiteira sostíbel económica, social e medioambientalmente non dependente das mesmas multinacionais que tanto mercadean co leite, que co petróleo, que coas persoas.

    Están en xogo milleiros de postos de traballo de labregos e labregas e doutros sectores. Está en xogo a Terra e a alimentación humana básica.